Chamar a atención

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Enric Fontcuberta | EFE

22 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha fame que non se sacia con pan nin con descanso, a de ser visto. O outro día descubrín a existencia dos therians: persoas que senten que a súa identidade profunda está ligada a un animal. Non é transformación física, senón pertenza íntima, espiritual. Ata aquí, cada quen co seu mundo interior. O que me descolocou foi esa muller que paseaba ao seu home pola rúa cunha correa, asumindo sen fisuras ese papel, sen xogo nin teatro. Pensei entón na necesidade de chamar a atención, na fantasía como refuxio, na exposición como berro. Hoxe leo que o home que atropelou seis persoas no centro da Coruña fíxoo, segundo as investigacións da Policía Local, por «chamar a atención». Nin vinganza, nin ideoloxía, só por notoriedade. O máis arrepiante non é só a violencia, senón a banalidade do motivo, que alguén sexa capaz de facer do horror unha estratexia para ser mirado, que o límite entre a excentricidade e a traxedia se volva tan fino, tan perigoso.

Falamos de saúde mental, pero pouco de soidade; de liberdade individual, pero non de responsabilidade colectiva; de tolerancia, pero non de atención verdadeira. Vivimos nun mundo onde o silencio é invisibilidade e onde ser visto importa máis que ser comprendido. A identidade, se non se exhibe, parece non existir. Calquera exceso pode converterse nun atallo cara aos focos: facernos pasar por cans, cruzar prazas a toda velocidade. Que será o seguinte? A necesidade de recoñecemento medra tanto que deixa de importar o dano causado. Mal asunto.