Pensei que non ía morrer nunca

OPINIÓN

Xesús Alonso Montero nunha entrega de premios no ano 2022.
Xesús Alonso Montero nunha entrega de premios no ano 2022. DANI GESTOSO

13 feb 2026 . Actualizado a las 13:46 h.

A morte de Xesús Alonso Montero foi unha equivocación de alguén. Sostiña con xeito 97 anos, pero os que disfrutabamos da súa enerxía desbordante tiñamos para nós que estaba previsto que fora inmortal. Nestes tempos raros nos que cotiza a ignorancia, Montero falaba en cascada sen enfociñar cun triste solecismo e arrimando datos e anécdotas ata conseguir mergullarte nunha conversa que sempre era deliciosa. Hai uns anos, cando presidía a Academia galega, provocou unha das súas recorrentes liortas con BNG cando, nunha entrevista en Vtelevisión, declarou: «Se hai unha formación política comprometida ca lingua galega é o Bloque, pero o Bloque é como esas nais que queren tanto os nenos pequenos que os apretan tanto que os abafan». Sospeito que os nacionalistas nunca lle perdoaron a comparanza, pois trece anos despois daquelo votaron en contra de que fora nomeado fillo predilecto de Lugo, onde exercera durante dezaoito anos como mestre. Naquela maravillosa conversa, Montero dixo moitas máis cousas, como que na cidade segue a se pensar que se alguén fala galego «é un pailán ou é do Bloque», unha diagnose que máis dunha década despois de ter sido feita está máis vixente ca nunca.

Don Xesús Alonso Montero nacera en Vigo, pero atopou o paisano e o galego que levaba dentro en Ventosela. Dende alí e dende a súa militancia comunista escribiu o manifesto co que O Ribeiro intentou evitar que se construira a presa de Castrelo de Miño, no 1966. Naquela loita andaba tamén Xosé Luís Méndez Ferrín, daquela na UPG, e xuntos, mira tú, movilizaron o mellorciño da época para denunciar o «feudalismo hidroeléctrico» de Fenosa.

Tivo Alonso Montero unha vida coma un océano, desas vidas que todos firmariamos por ter. Eu pensei que non ía morrer nunca.