Unha bolboreta na arañeira

Cristina Sánchez- Andrade ALGUÉN BAIXO AS PÁLPEBRAS

OPINIÓN

Os casos de acoso non paran de repetirse
Os casos de acoso non paran de repetirse MARCOS CREO

11 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tomei esta imaxe do fermoso libro Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño. A autora emprégaa para exemplificar no seu relato que o amor entre homes e mulleres raramente é libre, sobre todo cando se trata de deusas. A min, porén, sérveme para falar doutra cousa.

Nestes días, ao escoitar nos medios o caso da concelleira do PP de Móstoles, a bolboreta veu parar á miña cabeza. Seica a edil denunciou ante o seu partido un presunto acoso sexual e laboral por parte do alcalde, Manuel Bautista, mais a dirección do PP de Madrid arquivou a investigación interna. Sóalles esta historia de concelleira, alcalde e PP? Sen querer ser reducionista, ademais de ver bolboretas, sinto un déjà vu co caso Nevenka, ben coñecido por todos vostedes. Non o podo evitar: os casos Nevenka —nos que un alcalde exerce a súa superioridade e unha muller é acosada, primeiro sexualmente e logo no ámbito laboral, ata acabar renunciando ao cargo e, con el, á súa carreira política— fanme sacar as gadoupas, como aos gatos.

Imaxino a bolboreta ao caer na arañeira. Primeiro, un golpe de pánico: as ás baten contra algo que non cede, e cada movemento afoga un pouco máis. «Axuda!», grita. Pero ninguén vén socorrela. Logo, chega o cansazo, a vagarosa e corporal comprensión de que o mellor é non moverse, ou facelo o mínimo, non sexa que apareza a araña e a engula dun bocado. Aínda que tivese que deixar a súa acta de concelleira e abandonar un partido no que militaba desde o 2010, alédome de que esta concelleira conseguise desprenderse da tea densa e pegañenta que a envolvía. E, por certo, o alcalde do PP non é a araña. Xa saben vostedes quen é.