Contrato con IA

OPINIÓN

Guillermo Garrido | EFE

20 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha alumna dun obradoiro vén de me enviar un texto que seica fixo coa axuda da intelixencia artificial (IA).

Non sei que lle contestar. Estou no meu dereito de o ler ou non. E sei que, se o fago, se cadra detecte onde está ela e onde a máquina. Mais non o vou facer, porque sei que o meu deber é aconsellala e pedirlle que non use textos xenerativos nos que ela pouco participa.

Distinto sería aceptar a IA como unha simple ferramenta á que se lle preguntan cousas relacionadas coa documentación ou a ambientación de obxectos medievais para un texto literario que se desenvolve nunha pousada do século XV. Negarlle isto sería como negarlle a posibilidade de consultar libros de historia ou calquera entrada nun buscador de internet. E digo isto porque veño de asinar coa miña editora o contrato da miña nova novela, e chamoume a atención a advertencia dun punto en que o autor se compromete a non empregar ningún tipo de ferramenta de intelixencia artificial durante o proceso de creación da obra entregada.

É un apartado que aplaudo e asino en conciencia, pero dubido que isto vaia ser norma xeral no futuro e ese punto non se modifique outra vez, porque resulta impensable que unha parte das xeracións máis novas de creadores vexan un problema ético botar man da IA, cando menos, se se usa como unha ferramenta de axuda. A pregunta que anda no aire nestes tempos é a de se o poder xenerativo da intelixencia artificial poderá rematar coa arte como nós a concibimos e substituirá a artistas e a mesma necesidade de crear.

Sen ter a certeza absoluta, eu aposto a que non, pero recoñezo que afectará a todo o proceso creativo e haberá artistas que si saberán usar a intelixencia artificial para seguir ofrecendo novas obras, ao tempo que haberá persoas que usen a intelixencia xenerativa para finxir o que non son: artistas.

Agardo que a miña alumna non sexa unha delas e poida asinar un contrato cunha editora que, como a miña, aínda recolla algún punto coa esencia do que significa crear.