Levamos días en que non hai máis temas ca todo o que teña que ver con Trump e esa pulsión bárbara coa que semella querer regular pola forza a esfera mundial saltando por riba todas as regras democráticas e internacionais. O mundo semella resignado a este desvarío e non semella que haxa ningún desafío para o seu orgullo. Ficamos chantados nunha sorte de estrañeza e abrimos os días atentos ás súas enormes e perigosas expectativas que teñen a aparencia de se mover polo desexo caprichoso dun neno consentido ou unha ansia de coleccionista. A súa determinación é tan ostentosa que semella botar chispas polos ollos, e a rabia conxelada no rostro non oculta as delirantes tolerías que guían o seu pensamento. Estamos nun punto en que a nosa pesada sensación de vergoña allea e incredulidade vale o mesmo ca o noso silencio inzado de rabia. Esta situación, por moito que o pensemos cando o vemos exhibir as súas fantasías inéditas, non é nova. A historia xa coñeceu algún momento en que un só home monopolizaba todas as portadas. Velaí os anos trinta, cando Hitler deu en invadir os países veciños e Europa vivía pendente dos seus movementos. Supoño que cada discurso, cada fronteira cruzada, debían de ser analizados coa mesma incredulidade e silencio ca os nosos. Non había posibilidade de mirar para outra parte. O perigo tiña nome propio e a atención debeu de ser máis ca constante. Se cadra, unha das diferenzas que había entre as dúas figuras era que a do alemán comezara con algo tan pragmático coma o avance dos tanques e a do estadounidense iniciouse nomeadamente con micrófonos, redes sociais e un espectáculo máis televisivo. Pero agora, sumado o de Venezuela a outros casos tamén agresivos de Trump, hai unha igualación porque a forza volve confirmarse e a ameaza esténdese a un mundo onde asoman imitadores que, lonxe de se enfrontar a el, buscan a súa alianza para que este noso silencio teimudo remate por se parecer a aquel que xa se deu no pasado.