Supertrump

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

10 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai trinta anos coñecín un médico cubano, exiliado en España, que odiaba a Fidel Castro e a súa ditadura. Falaba pouco, nunca de si mesmo, e custáballe sorrir. Era un home calado e triste. Amigos comúns contáronme que pasara anos no cárcere, onde deixara a mocidade e a saúde. Un día díxome: «Solo volvería a Cuba si los EE.UU. invadiesen la isla. Entonces lo haría para tomar un fusil y combatirlos como un cubano más». Entendino e identifiqueime con el, pero hoxe tamén entendo e fago miña a emoción dos exiliados venezolanos que celebran a acción bélica ordenada por Trump para secuestrar a Maduro e a súa dona Cilia Flores, coa promesa de poñer fin ao réxime ditatorial e corrupto do que fuxiron. A quen non entendo é aos políticos que aplauden o ataque e non din nada da violación do dereito internacional que a intervención militar supuxo. Con razón pregunta Borrell se o dereito internacional aínda existe, e non é unha interrogante retórica. Despois de coñecer as declaracións da dereita española e da Unión Europea, está claro que Supertrump poderá secuestrar o Goberno cubano, actuar militarmente en Colombia, México, Panamá, Irán e Groenlandia, como se estivésemos no século XIX, porque a legalidade internacional non existe e Pedro Sánchez, o presidente felón, traidor e okupa, ficará só predicando no deserto da estulticia en que se vai convertendo a vella Europa.

Tampouco entendo os creadores de opinión que xustifican o secuestro de Maduro co argumento de que os exiliados republicanos españois quixeran que os vencedores na Segunda Guerra Mundial secuestrasen a Franco. Ou é miopía política ou é demagoxia. Claro que o sentimento dos exiliados é o mesmo, pero a realidade histórica é tan distinta que a equiparación resulta ridícula e non merece un comentario. O que si cómpre recordar é que Trump non é demócrata e só acepta o xogo da democracia formal en EE.UU. porque non pode abolila, pero fai o que pode por enterrala. A negativa a aceptar a derrota ante Biden no 2021 e a arenga aos seus seareiros para iren ao Capitolio tivo continuidade neste segundo mandato co despido dos fiscais que investigaron a invasión. A Maduro xúlgano como narcotraficante, pero Trump liberou o expresidente de Honduras, Juan Orlando Hernández, condenado a 45 anos por presidir un narcoestado, «meter la droga a los gringos en sus narices» e cobrar de narcos ben coñecidos. Trump indultouno por ser un político reaccionario e a Maduro quere enchironalo por ir de revolucionario.

Trump é un ególatra, un narcisista e un showman que necesita sentirse o centro do universo. Por iso vai celebrar o 250 aniversario da Independencia dos EE.UU. convertendo a Casa Branca no escenario do maior espectáculo de artes marciais mixtas xamais visto. Alí estará Topuria, pero o combate estelar, o que eu quixera ver, sería o de Trump e Maduro. Precioso.