Proliferan as nomenclaturas en galego en varias áreas científicas. As últimas, Nomes galegos das constelacións e Nomes galegos das aves de Galicia e de España (RAG). E claro, á vista dos datos sociolingüísticos, é inevitábel ter a sensación de que se trata dunha tendencia paralela á da propia decadencia da lingua, como o álbum de fotos que decidimos organizar cando sentimos que a nosa familia comeza a fragmentarse. Porén, ao contrario dos típicos vocabularios dialectais que rexistran termos rústicos que nunca máis volverán, os científicos son presentados como fundamentais para actualizar o galego. E até poderían selo, mais pésalles demasiado o desexo de crear unha nova terminoloxía, a medio camiño entre a portuguesa e a española, que ao ficar descoordinada doutras áreas, acaba por ser útil só para o grupo de militantes do idioma que observa, neste caso, aves ou constelacións.
Os lingüistas ornitólogos saben ben que, agás catro ducias de nomes patrimoniais transmitidos popularmente (mazarico, pega, etcétera), para os restantes (máis de 10.000) temos basicamente dúas opcións: a coordinación co portugués ou a creatividade (que vai desde a reciclaxe de formas minoritarias de uso errático até a pura invención). Eu son máis da primeira, pero non viría aquí queixarme da segunda, que é a que está en voga, se a nova lista non tivese abolido a palabra curuxa das nosas noites de inverno. Porque, se existe unha ave recoñecida en todas as casas, esa é a curuxa do souto (Strix aluco), que aínda hoxe fai saír moitas familias da casa para escoitar o inquietante cu-ru que lle dá nome, e que o pobo ás veces distinguía doutra especie, que non fai cu-ru, só polo apelido: curuxa branca (Tyto alba).
Pero o castelán é máis radical nesta distinción, chamándolle cárabo á do souto e lechuza á branca, así que alguén debeu pensar que tamén nós debiamos proceder igual, e decretou para a primeira o nome de avelaiona, disque rexistrado no Cebreiro. É dicir, que debía quedar cun nome diferente do usado nos outros países do noso vello sistema lingüístico, e compatíbel, aínda que tamén diferente, co do español, de maneira que tampouco nesta ocasión perdemos a oportunidade de dar un pasiño máis na construción dun galego que non comunica nin ao sur do Miño, nin ao leste do Padornelo, nin entre nós.