18 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano resulta máis pródigo que o anterior. Digo que cada ano hai que poñer algo novo no Belén. Todo está provocado por un fracaso da infancia. Probablemente, o peor. A miña obsesión era que os Reis Magos, principalmente Baltasar, me trouxeran un Scalextric. Nunca chegou, a pesar das boas relacións entre Baltasar mais eu. Mesmo, unha lectora misericordiosa, envioume un coche de Scalextric nun Nadal de hai anos. E aquí está. Preto de min. Mírame todos os días do ano. No estudio onde escribo. Porén, o Scalextric que pedín aos Reis Magos nunca chegou. Conteille esta frustración aos da cuadrilla e tamén ao meu primo Gerardo. Os da cuadrilla recomendaron que me esquecera. Concretamente, o Mariló dixo: «Déixate de tonterías». Esa é a expresión habitual cando quero falar con el asuntos, de índole íntima, que me afectan. Xa lle dixen máis dunha vez que o día menos pensado deixo de rezar por el. Contéstame, seriamente: «Non te preocupes, que o Señor ben sabe quen son eu». Deus debe ter en moita estima ao Mariló. Normal, é un cacho de pan. Porén, non se porta ben comigo cando lle falo do Scalextric. O primo Gerardo é máis comprensivo. Asegura que hai que volver escribir cartas aos Reis. E pedir sempre o mesmo: o Scalextric que, con 62 anos, xa vai sendo hora. Este Nadal atrevinme. Pero, seguindo instruccións do primo, fun antes ao Belén. Crucei os dedos. Pechei os ollos. Imaxinei que os pastores, o boi e a mula estaban ao meu carón. Puxen a carta aos seus pés, no umbral do Belén. É probable que un ano máis ninguén me faga caso. O Mariló e o primo Gerardo, contrariamente, pensan que desta vai. Só escribín: «Xa vou vello, Baltasar, o Scalextric por favor».