Nanotecnoloxía en Galicia

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

08 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai moito espazo aló ao fondo». Así se titulou a mítica conferencia impartida en 1959 por Richard Feynman (Nobel de Física 1965), considerada o nacemento da chamada nanotecnoloxía, a ciencia que explora as escalas da orde do nanómetro (una millonésima dun milímetro). Feynman foi un visionario, albiscou ata a posibilidade de meter a Enciclopedia Británica na cabeza dun alfinete.

Porén, o acceso á escala nanométrica non chegou ata os anos 80. Por exemplo, a capacidade para facer o da Enciclopedia Británica non se viu ata 1985. Nese mesmo ano, os récords de redución de tamaño acadados por microprocesadores coma o Intel 80386 andaban aínda por 1,5 milésimas de milímetro (micras). En 2025 imos camiño dos 2 nanómetros.

Hai uns días celebramos o vinte aniversario do Instituto de Nanotecnoloxía de Braga, creado por España e Portugal, situando á súa fronte o catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago José Rivas, un dos pioneiros da nanotecnoloxía en Galicia. Rivas coorganizou en 1986 en Santiago o primeiro congreso mundial sobre o microscopio de efecto túnel, co que por primeira vez se puideron ver os átomos individualmente: un dos saltos cualitativos na historia da nanotecnoloxía. Nese congreso, que pode considerarse como a simbólica orixe da nanotecnoloxía en Galicia, estaban os inventores dese microscopio, Rohrer e Binnig, que levarían o Nobel de Física tres meses despois. Cando en 2006 Rohrer volveu a Galicia, a nanotecnoloxía xa era moi real, os compoñentes electrónicos xa eran de decenas de nanómetros.