Resulta inquietante esa necesidade urxente que se abre nalgúns países europeos de volveren ao servizo militar, o que aquí sempre se coñeceu como a mili e que naceu nun contexto histórico onde a forza bruta e o tamaño dos exércitos eran factores determinantes. Durante séculos, ateigar trincheiras e exhibir longas filas de infantería podería supoñer a diferenza entre gañar ou perder unha guerra. Mais agora as guerras non se desenvolven en campos de batalla, onde uns homes se enfrontan contra os outros. Na actualidade, o 80 % das vítimas son civís, cunha porcentaxe altísima de mulleres, nenos e persoas maiores. E a forza dos exércitos ten máis que ver coa tecnoloxía ca co factor humano. As principais potencias loitan con sistemas autónomos, dispositivos coordinados pola intelixencia artificial, ciberataques ou ferramentas de desinformación capaces de facer caer un goberno sen disparar un só tiro. Podería mesmo entender que neste momento de tolería global, onde a ameaza é unha ferramenta de intimidación, os gobernos optasen por destinar unha parte importante dos seus orzamentos a armarse militarmente. Pero poñer diante destas forzas autónomas un exército de recrutas, que apenas se adestrarán nuns meses, é tanto como intentar deter unha bomba cun escudo de madeira. Pertenzo a unha xeración de mozos que pasaron polo servizo militar obrigatorio e adoitaban falar mesmo con saudade dese tempo fóra da casa. Pero non houbo guerras para esa preparación militar, e os que nos fixemos obxectores de conciencia, ou comenencia, que tamén os houbo, sempre vimos a mili coma unha perda de tempo e un disparate que respondía a outras épocas. Agora, máis ca o funcionamento dun fusil, Europa precisa de bos enxeñeiros en ciberseguridade, operadores de sistemas autónomos, analistas de riscos, estrategos tecnolóxicos da IA e un gasto non en soldados, senón nun armamento que, curiosamente, lle ten que mercar aos mesmos que a ameazan. Triste.