A Internacional Elitista

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Pedro Cosano

29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa sei que non se me espera, pero unha infancia en torno ao ¡Hola! e unha curiosidade enfermiza pola vida privada das monarquías europeas fixeron de min unha experta juancarlóloga. E como tal declaro: o mellor das memorias de Juan Carlos é Laurence Debray, a escritora que o axudou.

Debray tamén é apelido do ¡Hola!, mais un de recendo a Chanel. Debray é a Francia o que Boyer é a España, así que Laurence é algo así coma a nosa Ana Boyer, guapa, lista, ben casada. É filla do socialismo atildado que quedou coa acepción da palabra «social», que servía para armar a jet set da République. Como cando Felipe González quitou a chaqueta de pana. De feito, Laurence tivo que escribir un libro sobre os seus pais revolucionarios para lembrar que é filla de Régis Debray, un deses filósofos que se estudan nos liceos, un tipo que se fascinou con Castro e o Che ata o punto de botar a facer a revolución con eles. Ao Che pareceulle un covarde e non parou ata librarse del, mais a súa inmediata captura acabou sendo o gran nas pousadeiras da revolución boliviana. Régis tiña o mellor sorriso da filosofía marxista francesa e probabelmente era o máis rico de todos aqueles revolucionarios convencidos. O seu libro máis bonito é, precisamente, O civismo explicado á miña filla.

Que pensará Régis Debray da amizade entre Laurence e o sucesor de Franco? Ou será deses que pechan a Marx no despacho para compartir baguette cun señor que gasta en cacerías o que custa a comida dun súbdito de Melide durante un ano? Será a miña formación no ¡Hola!, pero non me digan que non son instrutivos estes dixomedíxomes de pocillos e cognac que volven a dinastía borbónica ao país de onde liscou hai douscentos anos para volver agora por obra e graza da Internacional Elitista.