Pedir perdón

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

10 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Como no sacramento da confesión, unha sincera petición de perdón precisa en quen a fai contrición de corazón, propósito de emenda e expresala sen desculpas nin xustificacións. Na petición de perdón non pode haber «peros». A de Mazón no acto de renuncia á presidencia da Generalitat Valenciana non foi tal porque non cumpriu ningunha das tres premisas. Un ano pasou mentindo ata ofrecer once versións exculpatorias e cando xa non puido mentir máis, admitiu ter cometido erros e pediu perdón por eles. Logo largou «os peros» en forma de trolas para mostrarse como unha vítima máis e morrer politicamente mentindo e matando. Un noxo.

Tampouco o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, pediu perdón aos pobos nativos mexicanos pola violencia española durante a conquista e colonización, no acto celebrado o 31 de outubro no Instituto Cervantes, pero pareceuno ou case. Foi na inauguración dunha gran mostra de arte que dá voz ás mulleres indíxenas de México, e dixo: «Hubo injusticia, justo es reconocerlo hoy, y justo es lamentarlo, porque eso es parte de nuestra historia compartida y no podemos ni negarla, ni olvidarla».

Nada que ver coas palabras de Xoán Paulo II: «O 12 de outubro de 1492 os habitantes orixinarios de América empezaron a experimentar a humillación a mans do mal». As do ministro Albares foron pouquiña cousa, pero a presidenta de México, Claudia Sheinbaum, agradeceunas e celebrounas porque a burguesía mexicana arela reencontrarse cordialmente con España e cos españois. A actriz e cantante española Nati Mistral, que se declaraba «muy fascistona» e engadía: «No me lo escribo en las bragas de milagro», pero recitaba a Lorca en América, declaraba hai medio século nunha entrevista: «En México no nos quieren, pero nos aman». Tardei en entendela, pero coido que a carta do presidente López Obrador a Felipe VI en 2019 e a cesión do Goberno de Sheinbaum da grandiosa mostra que se presenta en catro sedes de Madrid tiveron e teñen o mesmo obxectivo: a reconciliación dos dous países. O Goberno de Pedro Sánchez está polo labor, de aí o Premio Cervantes ao escritor mexicano Gonzalo Celorio e as desculpas de Albares, que Feijoo rexeitou con ira patriótica: «Yo no me voy a avergonzar de la historia de mi país».

Pregúntome se son o único xornalista que fala da carta do expresidente López Obrador a Felipe VI despois de lela. Debo de selo porque non se entende que cantos a comentan para rexeitala teimen en afirmar que o presidente mexicano esixiu ao rei unha petición de perdón. A única vez que a palabra «perdón» aparece na carta é para dicir que «el Estado mexicano pedirá perdón a los pueblos originarios por haber porfiado, una vez consumada la Independencia, en la agresión, la discriminación y el expolio a las comunidades indígenas que caracterizaron el período colonial». A esixencia non aparece no texto de López Obrador, que non pode ser máis respectuoso, e di textualmente: «Con este propósito, el Gobierno de México propone a Su Majestad…».

É a terceira vez que o aclaro, pero haberá unha cuarta e unha quinta… Segurísimo.