De escatoloxías e fascismos

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Trump non lle valeu mandalos á merda a berros, como fixera un Fernando Fernán Gómez vello e toleado co admirador que lle pedía unha dedicatoria no libro que ía presentar. Trump respondeu aos manifestantes contra a súa política autoritaria cun vídeo no que desde un pequeno avión defeca sobre eles e cóbreos con toneladas de excrementos. A anécdota de Fernán Gómez, malia a mágoa de vermos fóra de si un actor tan admirable, tivo un punto de gracia porque aquel «¡A la mierda!» estrondoso se produciu no Círculo de Belas Artes e o título do libro era La cruz y el lirio dorado. O vídeo de Trump non ten graza ningunha, aínda que a el e aos seus seareiros lles faga moita. O vídeo é —con perdón— unha merda, pero ten un valor enorme como autorretrato escatolóxico e simbólico. Ese piloto con coroa de rei que defeca unha fervenza de residuos dixestivos sobre os manifestantes porque odia, e proclámao, a quen non está con el, é Trump, o home Trump, o político máis poderoso do mundo. Borges intuíuno nun estraño poema cando escribiu: «Del otro lado de la puerta un hombre/ deja caer su corrupción./ […] y sabe que es un animal sentado». Era Trump. Sen dúbida.

Para marcar diferenzas co PP, Montse Prado, deputada do BNG, recordou o pasado día 14 no Parlamento galego que a súa formación «non está coa fascista Corina Machado», premiada co Nobel da Paz que cobizaba Trump. Os argumentos da deputada son os mesmos que días antes expuxera Mundo Obrero, voceiro do PCE: «Corina Machado ha alentado la violencia callejera, ha pedido sanciones económicas contra su propio país y ha abogado abiertamente por la intervención extranjera». A conclusión de Mundo Obrero é que Corina Machado non representa a democracia nin a paz; que nada ten co pobo nobre, digno e valente de Venezuela; e que —non o di, pero é a única posible— Maduro si.

Eu a Corina Machado non a coñezo, pero a Maduro vouno coñecendo e estou certo de que moi demócrata non é. Venezuela é o país con máis xornalistas e humoristas gráficos exiliados de Hispanoamérica. A día de hoxe son 477. En xaneiro, en vésperas da autoproclamación de Maduro, policías encapuchados secuestraron durante nove días a Carlos Correa, presidente de Espacio Público, unha ONG allea a partidos políticos e organizacións relixiosas, que naceu en 1995 para defender a liberdade de expresión. O ministro do Interior e de Xustiza xustificou o secuestro: «Correa está metido en un plan conspirativo». O Sindicato Nacional de Trabajadores de la Prensa retrucoulle: «Carlos Correa jamás debió estar detenido porque es un hombre íntegro». Os únicos xornalistas que informaron da concesión do Nobel da Paz a Corina Machado foron sancionados. Podo seguir, pero co dito abonda para entendermos que «co mal de outros calquera dorme un sono».