Iso de ser valente sempre me pareceu unha boutade testosterónica propia de pelis da era Reagan. Quizais sexa culpa da miña malhumorada infancia, cando me enervaba esa manía de confundir a valentía coa flegma británica ante as nosas pupas sanguinolentas, en plan Pitufo Fortachón. Non me estraña que a xeración Z, tan práctica ela, se apease dese tren. Ben por eles, que demostraron que chorar tamén é sinónimo de sentido común.
Houbo un último intento de facernos crer que aínda era sinónimo da valentía ser un descerebrado que marcha pegar tiros nunha guerra que non é súa. Quizais o lembren: reportaxes aquí e acolá de señores sen oficio que marchaban pegar tiros á Ucraína da que desertaban os seus soldados; esmoreceron porque a xente sabe que o disfrace de Rambo non te fai valente.
En realidade, os valentes sempre son os mesmos, desde as Guerras Púnicas ata Palestina, pero poucas veces lles dedican epopeas porque non son os que loitan por un cacho de terra, polo xefe da tribo ou polos cartos. Valentes son quen loitan pola humanidade, entendéndoa como os valores sobre a importancia do amor, a xustiza e a vida, non como un fato de animais bípedos que case estaría ben que se extinguisen.
Valente é quen loita pola vida digna doutros arriscando a propia vida, mais coa dignidade intacta. Valente é quen, crendo no poder da ética, se enfronta desarmado e erguendo a voz a un exército desapiadado e xordo. Valente é quen está disposto á censura, ao cárcere, á tortura e ao ostracismo porque sabe que, se mancan a un, nos mancan a todos.
Valente é a Global Sumud que sucou o Mediterráneo para levar sustento a Gaza, sitiada coma Troia: un fato de activistas da valentía real que demostran que, nesta porcallada de mundo, queda esperanza.