Ao comezo do verán decidín baleirar un pouco o meu armario. Rebulín entre todas esas camisetas, chaquetas e pantalóns que hai tempo que non poño, e fixen un montón con roupa para doar, outro de roupa para tirar, e un último de roupa para gardar. As razóns que levaban cada peza a cada feixe eran prácticas: a de doar era roupa que estaba ben pero que xa non uso, a de tirar estaba demasiado gastada, e a de gardar era roupa que sei que seguirei poñendo. E cando rematei e sentei a carón dos feixes, decateime de que toda a roupa boa que tiña pensado doar era de cores vibrantes, e que a roupa coa que tiña pensado quedar era basicamente negra. Entón lembrei aquel artigo do The New York Times que dicía que «o beixe é a cor do diñeiro», e que a diferenza do pasado, no que «as cores intensas eran sinal de riqueza, hoxe os tons suaves son unha declaración de luxo e poder». E volvín mirar aos meus montóns e non vin nin branco nin beixe, pero vin tanto negro que me deu por preguntarme cando deixara as cores de lado... Quizais cando a miña vida profesional virou cara un ritmo tan frenético que desfacer a maleta entre xiras deixou de ter sentido. Ou cando aprendín que Steve Jobs ou Barack Obama levaban sempre a mesma roupa para non ter que tomar a decisión acotío de que roupa levar. Pois tomar decisións, aínda que sexan pequenas e innecesarias, leva o seu tempo e enerxía... Non sei cando escollín o negro, pero custa volver del. E aínda que ás veces alégrome o día cunha prenda colorida, hei de recoñecer que para viaxar, para sentar no chan, para mancharse sen que ninguén se decate, ou para pasar inadvertida, non hai nada coma esa cor tan complexa que é o negro...