Se canto é porque quero. As cantareiras do Día das Letras Galegas 2025

Alberto González-Garcés INVESTIGADOR MARIÑO E ESCRITOR

OPINIÓN

BASILIO BELLO

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 á poesía popular oral, personificada en sete mulleres cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e mais Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens, integrantes estas catro últimas das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

Todas elas faleceron xa, pois o regulamento de réxime interno da RAG, no seu artigo 7, di: «Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas [de cada ano] o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso, deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día». É dicir, que os persoeiros, homes ou mulleres, aos que a RAG dedique o Día das Letras Galegas, deberon falecer ao menos dez anos antes do seu nomeamento ou designación no primeiro pleno seguinte ao Día das Letras Galegas. A RAG ten que facelo así. Establéceo o seu propio regulamento.

Independentemente das cantareiras concretas, en Galicia existe unha importantísima lírica popular transmitida fundamentalmente a través de cancións que foron pasando por vía oral de xeración en xeración sen un soporte escrito. A finais dos anos setenta do século pasado, a musicóloga e investigadora suíza Dorothé Schubarth comezou a recoller unha parte moi importante destas cancións populares, que plasmou, en colaboración con Antón Santamarina, quen revisou as transcricións, ordenou os tomos das letras e achegou compilacións previas, no Cancioneiro popular galego, de sete volumes, nos que se inclúen melodías, partituras e letras. Foi un difícil labor conxunto de moitos anos. Os sete volumes publicáronse entre 1984 e 1995 e son considerados a biblia dos cancioneiros galegos. Ademais, os autores doaron todo o material de base ao Consello da Cultura Galega, onde, se se quixer, poden escoitarse as gravacións orixinais. Tamén doaron material ao Museo do Pobo Galego.

É a música nacida nas vilas e aldeas galegas para acompañar o traballo de grupo, nas fías ou nas segas, por exemplo, e para amenizar comidas, ceas ou festas familiares e populares. Ou para organizar encontros e regueifas entre homes e mulleres nas que a estas últimas lles bastaba cunhas pandeiretas, os seus coñecementos e a súa imaxinación para enlazar cancións, moitas delas improvisadas, durante horas e horas.

Para cantar coma min,

para cantar como eu canto.

Eu non canto por cantar-e

nin pola graza que teño.

Canto por aliviar-e

o corazón de tanta pena.

Moitas destas cantadoras e cantadores, dinos Antón Santamarina, académico numerario da RAG —que o escribe moito mellor do que eu o podería facer—, «comezan de nenos nas tradescolas que hai na maioría das cidades e vilas do país». E continúa: «Nas cantigas populares hai xoias poéticas extraordinarias e hai, ademais, un galego enxebre e saboroso. Coa axuda das cantareiras homenaxeadas (que xa non están entre nós) e de tantos intérpretes que por Galicia adiante beben do seu legado, esperamos que no 2025 o Día das Letras Galegas dure todo o ano, aínda que a festa maior sexa o 17 de maio».

Eu únome á Real Academia Galega no seu festexo da lírica popular e fago a miña contribución e homenaxe ás cantareiras, esas mulleres que dicían ou poderían dicir «se canto é porque quero», cunha despedida tomada dunha das súas cancións populares.

Vouche da-la despedida

no corazón dunha cereixa.

Como me hei de despedir-e

se o corazón non me deixa?