
O expresidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, home simpático e lareteiro que gusta do aplauso, percorre os canais de televisión e emisoras de radio predicando a moralidade na política e atacando os políticos corruptos, con comprensible fixación no rei emérito. Esta semana sóubose que don Juan Carlos I ten as declaracións de Revilla por lesivas para a súa honra e púxolle unha demanda na que lle pide a rectificación nos mesmos medios de comunicación onde largou o tarabelo, ademais dunha indemnización de 50.000 euros. Revilla saca peito, claro, pero está abatido.
Este feito insólito levoume a pensar en Alfonso XIII, avó de Juan Carlos I, e nos seus «Revillas»: tres mosqueteiros da pluma chamados Valle-Inclán, Unamuno e Blasco Ibáñez. Avó e neto teñen en común dúas adiccións: ao sexo e ao diñeiro. Os escritores, unha teima: o aborrecemento ao rei e, como consecuencia, á monarquía. Porén, don Alfonso e don Juan Carlos caían ben á xente por cordiais e espontáneos. Don Alfonso érao tanto que no libro Alfonso XIII, ¿fue un buen rey?, de José María Carretero, editado en 1934, hai unha foto na que aparece bañándose en porrancho nun regacho de Las Hurdes, e posando para o fotógrafo. Con el, o doutor Marañón, que se cobre co calzón.
A xenreira de Valle manifestábase en frases e versos satíricos que cabo de pouco tempo repetían os madrileños todos: «¡Un cabrón el tatarabuelo, / un canalla el bisabuelo, / puta y reputa la abuela, / el padre, chulo y pardela, / el hijo más listo, lelo, / pistonuda parentela / la de nuestro reyezuelo!».
A oposición de Unamuno e Blasco Ibáñez era máis seria. En 1920 Unamuno foi xulgado e condenado a 16 anos de cárcere e multa de 1.000 pesetas polas opinións verquidas sobre a familia real en tres artigos. O rei concedeulle un indulto que el non pedira e seguiu mostrándolle o mesmo rancor: «Sabe que me he propuesto ayudar a tirarlo y que lo tiraremos». Catro anos despois, na ditadura de Primo de Rivera, sería desterrado a Fuerteventura. Tamén en 1924 o novelista Blasco Ibáñez, que vivía exiliado en París, editou en varios idiomas o panfleto Una nación secuestrada (el terror militarista en España), no que presentaba a Alfonso XIII como un obseso do diñeiro, disposto a obtelo mesmo perpetuando a guerra en Marrocos. Primo de Rivera iniciou os trámites para extraditalo, pero o rei impediuno.
Por iso non entendo que pretende o rei emérito coa demanda a Revilla. O afecto perdido non o vai recuperar e a Felipe VI non o vai favorecer. E Revilla debe saber que dar o triplo salto mortal, sen rede, no circo mediático ten riscos e que unha cousa é cacarexar e outra poñer ovos. Cacarexar, cacarexou canto quixo; agora toca poñer ovos.