Agresións sanitarias

Servando López Álvarez ANESTESIÓLOGO DO CHUAC. PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN GALEGA DE ANESTESIOLOXÍA, REANIMACIÓN E DOR

OPINIÓN

CIG | EUROPAPRESS

27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os homes e mulleres da sanidade coidamos a diario a milleiros de pacientes en diferentes ámbitos, procurando ofrecer sempre a máxima calidade e seguridade. Sufrimos elevadas cargas asistenciais e de estrés, traballamos nun ambiente hostil e con comunicación pouco fluída coa organización e incluso dentro dos equipos multidisciplinares. Somos traballadores con moitas responsabilidades e a atención continua favorece moito o desgaste profesional. No entanto, isto non pode xustificar que carezamos de empatía para comunicar a información aos pacientes, cousa que ás veces pode acabar ocorrendo por cansazo. Cómpre que reflexionemos; hai marxe para mellorar neste ámbito.

Así mesmo, a cidadanía debe asumir que o benestar de quen os atende é o benestar do paciente, por iso as autoridades sanitarias deben facer todo o posible por protexer o persoal sanitario das agresións tanto físicas como verbais que proceden dos familiares/acompañantes/pacientes. Ningunha forma de violencia ten xustificación, hai moitos camiños para canalizar a frustración; por iso pedimos á cidadanía respecto e educación cos traballadores sanitarios. A crispación social, alentada en moitas ocasións por declaracións políticas que atentan contra a intelixencia humana, non debe embarrar o compromiso diario dos sanitarios. Hai que erradicala do ámbito sanitario.

É necesario construírmos un entorno seguro na atención médica para os e as profesionais da sanidade, pero é especialmente unha obriga das autoridades sanitarias. É isto é posible construíndo sinerxías entre institucións sanitarias, traballadores da saúde e doentes. O descontento da cidadanía ante os tempos de espera, a falla de información, ausencia de empatía, etcétera, poden ser o xerme para desencadear esa inseguridade no traballo. Somos as vítimas das agresións e necesitamos mecanismos que nos protexan. Porque non está de máis lembrar, que os traballadores sanitarios somos o principal activo do sistema público de saúde. E as agresións sanitarias non son algo novo, teñen un longo percorrido. De feito, hai un grupo de traballo técnico que elabora informes sobre agresións sanitarias dende hai moitos anos. Abonda con visitar as páxinas do Ministerio de Sanidade para comprobalo.

Nos datos do último informe recóllese a identidade das persoas agredidas (78 % mulleres, 34 % médicas e 30 % enfermeiras), tipo de agresión (16 físicas), causas alegadas (34 % atención recibida). Tamén se recolle o perfil da persoa agresora (28 % familiares/acompañantes e 72 % pacientes). É falso que a maioría das agresión sexan provocadas por persoas con enfermidades psiquiátricas, pero a estigmatización resulta moi tentadora para que os responsables políticos poidan desviar a atención. Estigmatizar sempre é algo negativo, e os xestores deberían ser contundentes e non deberían agravar este efecto.

É necesario establecer unha estreita colaboración e cooperación entre todas as partes implicadas para conseguir tolerancia cero ante as agresións. Os datos non son alentadores: segundo recoñece o Sergas, no ano 2023 houbo 502 profesionais afectados por episodios violentos, cun aumento con respecto a ano 2022, pero só chegaron a denunciarse e rexistrarse ante a Policía Nacional 16 casos, cando os protocolos do Sergas garanten asistencia xurídica, psicolóxica e sanitaria. Non hai que esquecer que se a vítima non quere presentar denuncia é responsabilidade do centro trasladar a denuncia a Fiscalía.

En marzo celebrase o día europeo contra as agresión médicas e profesións sanitarias. Esperemos que esa campaña innove ideas ante unha problemática en aumento, porque está habendo moito ruído e poucas solucións. E seguimos sen campañas que poñan en valor ante a cidadanía que non é admisible agredir a quen te coida. Demandamos guías para prever e xestionar a violencia no traballo. Queremos ser respectados e non agredidos. Queremos centros de saúde e hospitais libres de violencia.