Non é a primeira vez que escoito esta queixa: logo dicimos que non hai traballo. Ben, do traballo hai moito que poderiamos dicir, pero ofertas, nunca tantas me chegaron. Si, leron ben, non ando eu na procura de postos de traballo, é que me buscan as ofertas a min. Perséguenme. Podería levarnos a pensar que vivimos unha época de ouro, pero a realidade lévanos a unha posición ben afastada disto.
Soa o teléfono. O número é descoñecido. Descolgo e danme a boa nova: o meu currículo de traballo foi seleccionado para a súa oferta. Non escoito máis. Non enviei ningunha solicitude a ningún sitio. Non sei para que queren os meus datos, pero supoño que para facerme un agasallo non é.
Non son a única á que chaman. Xente que nunca deseñou un currículo, xubilados... todos recibindo o mesmo tipo de chamada. O último xa é cando unha voz robótica nos anuncia que chama desde o equipo de recursos humanos dunha empresa. Moi humana a voz non é..., así que deberiamos desconfiar.
Pero a necesidade, cando aperta..., é perigosa. E hai moitas persoas agora que desexan traballar. Aceptarán esas chamadas, darán os seus datos e, por desgraza, a desesperación na que xa viven pode agrandarse.
As estafas nunca son aceptables, pero xogar co pan e a esperanza da xente é verdadeiramente indigno. Moito se lle dá á cabeza para aproveitarse dos demais. Unha mágoa que a intelixencia non se utilice para outros mesteres que moito mellorarían o mundo. Así só medran as desgrazas e a desconfianza.