As amigas

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MONICA IRAGO

Seguramente non me xunte con ningunha delas para cear estes días. Pode que comparta unha infusión, unha merenda, só varias mensaxes de felicitación, ou convertamos en tradición mirarnos á cara antes de rematar decembro. Tanto ten.

Pero todo sería ben distinto, moito máis gris, de non estaren elas día a día.

Unha amiga é na que pensas cando escoitas o nome da doenza que sufriu e resulta inevitable repetirte: menos mal que saíu ben. Tamén soporta os desgustos que colles con outros e vas desafogar no seu teléfono. Por riba, sérveslle o café da mañá sen remordementos. Nunca lle anuncias os teus éxitos porque vai acabar por saber deles e aledarse coma se fosen propios. Ás amigas cóntaselles un mal día para que digan: mañá quedamos? E vas. Porque esperas que se poñan sen dúbida da túa parte. Escoitan moi atentas e logo soltan un: estás fatal, váiseche a cabeza ou toleaches. E contáxiase a risa varrendo medio desgusto. Non che deron a razón pero pola noite aparece un «Mellor?» na pantalla do móbil e sorrís.

Asegúraslles que non che dá a vida porque, logo de falardes un anaco, sabes que vas poder con todo o que te propoñas e aínda facerte cargo de catro vidas máis. Ademais, teñen insignia de ouro porque a elas acoden as túas fillas cando non estás.

Por iso, aínda que cando dean as badaladas e fagas o brinde non van estar ao teu carón, si van ocupar o teu pensamento e, sorrindo, vas dicirlles: grazas por estar. Entón desexas que, de verdade, teñan un bo ano para compartir contigo.