Kurtz

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

10 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En ocasións eu tamén vou río abaixo. Destino: o mar. Encóntrome co fantasma de Conrad e falo con el, paseniñamente. Era un escritor extraordinario. E Heart of darkness segue a ser unha pequena perdurable obra mestra. Así son os clásicos. Escríbense a golpes de intuición. Saen das tripas máis que do intelecto. Corazón das tebras, novela imborrable. Claro que un non sabe moi ben que é o imborrable neste mundo chabacano e politicamente correcto da actual literatura. Que espanto! Hai libros que se publican e realmente son impublicables. Hai premios que se conceden e serán por sempre un baldón, unha afrenta, contra aqueles que os conceden. É mellor dedicarse aos pasatempos, sudokus, encrucillados. Ou ler prospectos medicinais. Sempre pensei que o tempo pon no seu lugar a toda obra artística. Cada vez descreo máis desa afirmación pretérita. Todo é célere, efémero, insubstancial. A política, líquida. A literatura, tamén. Existe e non existe coa mesma intensidade. Porén, os grandes perduran. Ou cando menos, perduran para min. Charles Marlow, o narrador e protagonista de Conrad, parte de Londres cara ao río Congo na procura de Kurtz. O seu longo monólogo é unha das voces máis sólidas e magníficas da gran literatura. Estes días volvo río abaixo con Conrad e Marlow. Eu tamén ando á procura de Kurtz, aquel que na fin da novela grita: «O horror, o horror!». Antes, cando todo comeza, escoitamos a Marlow á saída do peirao: «Tamén este foi un dos lugares escuros da terra». A escuridade. Estes días de guerra penso na novela de Conrad e sei que todo se repite. Que a historia é unha liña en espiral. Ou un círculo impío. Dóeme esta incivil civilización. O horror, dicía Kurtz.