Educación: ascensor social estragado

Carlos Rosón DIRECTOR DE IGAXES

OPINIÓN

ALDEAS INFANTILES SOS | EUROPAPRESS

07 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Comeza un novo curso escolar e con el, a mesma pregunta: está a nosa educación preparando a todo o estudantado para un futuro igualitario? A resposta, á luz dos datos, é clara: non.

Unha contorna de exclusión e de desigualdade inflúe nos resultados educativos das nenas e nenos, cárgalles cunha mochila coa que teñen que afrontar esa «carreira» educativa sexan cales sexan os seus talentos e esforzos. O fracaso escolar determina unha taxa de ocupación do 60 % fronte ao 90 % das persoas que finalizaron estudos medios ou superiores. O dereito á educación non está a promover nin garantir o seu papel de ascensor social e a brecha social profúndase.

O discurso de que o fracaso escolar, e mesmo laboral, é un fracaso persoal por non ter capacidade, interese ou competencias, é un discurso falso que dana a autoestima e a confianza, contribúe á aparición de soidade, exclusión e mesmo problemas de saúde mental. Debemos deixar de sinalar exclusivamente ao estudantado polo fracaso e mirar cara ao sistema educativo, un sistema que no proporciona as ferramentas necesarias.

Este ciclo, onde a educación é clave, determina, para a mocidade con contornas non favorecedoras, un futuro complicado, con dificultades para acceder a un emprego, a unha vivenda e sobre todo para poder formular un proxecto de vida autónomo e romper ese ciclo de exclusión. Segundo datos da OCDE, unha persoa en situación de risco necesitaría catro xeracións para saír dela.

Necesitamos recuperar a educación equitativa, investir nos centros educativos de contornas desfavorecidas e en programas que apoien ao estudantado con baixo rendemento. Os centros deben ter maior autonomía para desenvolver proxectos innovadores e adaptados ás necesidades do seu alumnado. O profesorado, clave para garantir unha educación de calidade, debe ter acceso a formación continua e o apoio necesario para levar a cabo o seu labor. Os centros que así o requiran deben contar con equipos directivos especializados.

Necesitamos poñer a equidade no centro. A educación non é só un dereito, é un investimento no futuro. Se queremos construír unha sociedade xusta e equitativa, debemos garantir que todas as nenas e nenos teñan as mesmas oportunidades. É hora de romper o círculo da desigualdade e facer da educación un verdadeiro ascensor social.