A esperanza do deporte

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hamad I Mohammed | REUTERS

02 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Co asunto das Olimpíadas, tiña a esperanza de que o deporte o inundase todo e conseguise desprazar moitas das leas políticas. Xa non digo os grandes dramas internacionais, pero a nivel local, quen sabe! Mentres miramos o tenis, o baloncesto, a ximnasia, a natación... podemos aprender do significado do sacrificio, esforzo, compañeirismo e ata equipo. Omnipresentes os aneis representando a unión do mundo, a diversidade abrazada. Sería marabilloso, verdade? Que ilusa!

Camuñas é un municipio de Toledo que conta con menos de 2.000 habitantes. Dá igual o partido político no que milita o seu alcalde, de verdade. Ultimamente, a crispación inunda todas as siglas. Este representante ten insultado, nas redes sociais e por escrito, o rei, a raíña, o presidente do Goberno e o xefe da oposición. Así, sen impunidade. Disparando cualificativos despectivos a dereita e esquerda, nunca mellor dito. Xa é o máximo. Ofender por ofender. Gratuitamente.

Hai unhas horas pediu perdón, mais temo que o motivo das desculpas foi cheirar unha posible expulsión do partido que finalmente se fixo efectiva. Pero se ata se fixo pasar por un veciño máis e se defendeu a si mesmo falando en terceira persoa! Non hai pudor, nin vergonza.

Esta actitude fíxome reflexionar sobre o estendida que está esta actitude. Ás veces sinto que vivo nun país así, no que todo está penalizado. Manifestarse ou quedar calado. Tomar posición ou manterse á marxe. Ser diferente ou seguir o canon. E isto provoca unha convivencia incómoda.