Cando me xunto con algúns dos colegas da escrita sempre adoita aparecer na nosa conversa algún tema relacionado co valor e a influencia do noso oficio. Eu gusto de ser optimista, e cando escribo parto con esa ilusión de construír algo valioso, aínda que finalmente non o sexa. Ese é sempre o motor que me move a seguir traballando no que creo, e se cadra esa teima é a que mantén viva unha ilusión que só chega a mil ou dúas mil persoas. Poño cifras porque non hai moito nun club de lectura unha muller quixo saber cantos libros podía vender dun libro galego de seiscentas páxinas. Diante da miña resposta ela non tardou en converter a cifra en cartos e a súa estrañeza amosouna dicíndome que ela tiña vinte e mil seguidores na rede, coma se ese número fose equiparable ao de quen me le. Fun educado e non quixen dicirlle que non convén mesturar allos con cebolas, pero despois quedei cavilando en que a influencia tamén é unha cousa de números e para moita xente eses gústame son coma libros ou moedas. Está claro que estas persoas que emerxeron como figuras centrais na configuración de opinións, estilos de vida e comportamentos tampouco son un grupo homoxéneo, pero impactan na actualidade dun xeito que pode virar en perigoso. Pensar que unha parte da sociedade pon máis creto na opinión política dun futbolista famoso que no que diga un escritor de prestixio supón aceptar certas perversións que non son boas para a democracia. O outro día, na praia de Barraña, dous nenos cantaban «Xibraltar español» coma se estivesen a cantar a Rianxeira. A desgraza de todo é que detrás deses cánticos inocentes non había máis ca un proceso de imitación e, sobre todo, ignorancia, que é unha porcentaxe altísima da que se alimenta esa influencia numérica.