As vidas de Xusto Beramendi

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Paco Rodríguez

09 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivir unha vida boa foi o que dixo querer. Os seus pensan que o logrou, os amigos e compañeiros tamén. Este artigo xa non ten a urxencia necrolóxica do día que finou; deu tempo a pensar sobre a vida de Xusto, que tiña un nome tan galego e familiar que nunca fun quen de usar o seu orixinal castelán. Xa se dixo moito e ben nestes días, foi lembrado con aprecio e moitos matices por compañeiros, amigas e discípulos pero queda aínda tanto por dicir que cómpre empezar a encher o oco que nos deixa coas lembranzas que del temos.

Xusto era un home do 1941, e o seu mesmo nome figúraseme unha apelación familiar ao retorno da xustiza perdida. As súas vivencias eran as propias dunha familia de vencidos polo golpismo militarista na guerra de España. Nacer en Madrid o ano da fame, o do andazo de tuberculose que matou máis persoas que calquera ano da guerra e nunha familia socialista, marca carácter. Vénme á cabeza a lembranza dun seu avó materno prietista discutindo cun xenro largocaballerista —ou ao revés, que nas súas memorias inéditas e inconclusas debe contalo—. A súa xénea era a propia da mellor «cáscara amarga», dos que nunca aceptaron a ditadura saída da derrota da democracia republicana, foi coherente con ela na procura da xustiza perdida, seguindo os camiños da súa xeración antifranquista.

Por iso, como se destacou estes días, e como el gustaba de lembrar, viviu varias vidas en varios lugares e con varias ocupacións diferentes ata que elixiu ser galego e historiador. Como sempre, acometeu ambas eleccións co método cartesiano e a organización prusiana propia dos vellos bolxeviques. Como en todo canto facía. Lembro, amais do que se ten dito estes días, tres asuntos nos que participou facendo gala da súa capacidade de construción. Un foi o Congreso dos Nacionalismos e Rexionalismos na España da Restauración, en 1983, que reuniu en Compostela a todos os que logo foron recoñecidos especialistas no tema, dándolle á Universidade de Santiago unha decisiva centralidade neste tema capital da historiografía española, que doutro xeito —de non ser por el e por R. Máiz— nunca tería. Seguido, unha década máis tarde, do congreso Nationalism in Europe. Past and Present, para acadar a centralidade europea e mundial. Non foi menor, pero si menos coñecido, o seu papel na creación do título de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago en 1991.

Xusto foi un daqueles estudantes dos anos sesenta, fillos da República, que se empeñaron na loita contra a ditadura e sufriron as consecuencias. Aínda non foron recoñecidos por iso e xa vai sendo hora. Sen eles nunca chegaríamos á democracia que temos. Beramendi foi un de tantos que sufriu as consecuencias do seu compromiso político clandestino sen nunca pedir que llo tiveran en conta. Entre as moitas cousas que debemos recoñecerlle esta non é das menos importantes na súa vida e na súa contribución ás vidas dos demais. Á boa vida que temos. Da outra obra súa con Carme, os fillos e netos dos que estaba tan orgulloso, xa tivo ocasión, por sorte, de fachendear con xeito e xustiza.