
É moi importante o que fixo Mbappé alertando do perigo da ultradereita. Vinte e dous anos antes, outro francés fillo da inmigración, Zidedine Zidane, fixera o mesmo. Ao tempo que o novo xogador do Madrid declaraba iso («como capitán da selección francesa», aclarou), o porteiro da selección masculina de fútbol, Unai Simón, púñase de perfil dicindo que el era un xogador de fútbol e que non tiña nada que dicir sobre iso. Como se non fosen referentes. Como se a mocidade non os imitase en todo. Ademais, outros dous compañeiros seus, Carvajal e Reina, teñen amosado sen disimulos o seu apoio a Vox e ao pensamento de ultradereita.
Hai quen di que hai que deixar fóra o deporte da política. É imposible. Porque o deporte tamén é política. É política dende o instante en que as competicións europeas se converten en asunto prioritario na axenda mediática, e tamén política. A que vai se non el rei de España ao palco? A que van Sánchez ou Feijoo? E está a bandeira por todas partes, e o himno por exemplo nas finais da Copa del Rey (na que TVE silencia os apupos do público). É política dende o momento en que os parlamentos se posicionan en contra de que Galicia, Euskadi ou Cataluña poidan xogar competicións internacionais como xogan Escocia, Inglaterra, Gales ou Irlanda do Norte. É política cando hai voces nos faladoiros que no seu día dicían que Gerard Piqué non debería xogar na selección porque era independentista, ou cando se poñen malos cando alguén suxire que Pep Guardiola, outro catalanista convencido, poida ser seleccionador de España. Vai terminar sendo da selección inglesa, segundo todo o mundo que sabe máis ou menos de fútbol comenta, pero non da de España porque para a de aquí hai que ter valores que, no fondo, só os apoian os da ultradereita.
Hai moitos anos xogaba na selección de Brasil un futbolista elegante e boísimo que se chamaba Sócrates. Era unha figura mundial. E, entre outras cousas, destacaba polo seu activismo político. Era consciente de que era un referente, de que as persoas máis novas estaban pendentes de cada frase, de cada declaración. O que fixo foi poñerse do lado dos oprimidos, dos máis pobres, da xente das favelas. E usou o privelexio de ter un micrófono diante da boca, cada vez que podía, para falar contra da inxustiza.
Os futbolistas españois non abren a boca cando os levan xogar a países onde as mulleres non teñen dereitos ou onde se condena, ás veces coa morte, aos homosexuais. E deberían, dunha vez, saír do armario dese silencio que é equidistante e, polo tanto, que axuda a medrar cada vez máis a intolerancia, o racismo e a brutalidade.
Mbappé, coma Sócrates, sempre no meu equipo.