Libro de papel ou dixital?

María López Sández
María López Sández ACADÉMICA ELECTA DA REAL ACADEMIA GALEGA E ESCRITORA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

27 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A escola non é allea ás mudanzas culturais e tecnolóxicas da sociedade. Na actualidade, un dos principais obxectivos do ensino ten que ser, obviamente, que o alumnado desenvolva competencias dixitais, que van ser imprescindibles ao longo da súa vida, tanto na esfera profesional como persoal; mais coido que cómpre distinguir entre dous conceptos ben distintos: desenvolvermos competencias dixitais ou vivirmos inmersos nas pantallas e absorbidos por elas.

No ensino universitario, a presenza dos ordenadores é xeneralizada. Lembro que, nunha ocasión, cando lle solicitei ao alumnado que debuxase un mapa das illas Británicas para logo colocarmos sobre elas as linguas que alí se falan (o córnico, o galés, o scotts, o irlandés, o Manx…), só dous ou tres alumnos tiñan lapis e papel e tampouco había moitos que soubesen empregar un programa que lles permitise deliñar un mapa. É certo que saben pedir a ChatGPT que xere o mapa, pero pregúntome se ese proceso consegue o fin que eu perseguía: que reflexionasen sobre a riqueza lingüística dun espazo no que adoitan pensar que só hai inglés.

Cos rapaces máis novos, cómpre extremarmos as precaucións. O imprescindible, neste caso, é a interacción co medio, o contacto auténtico e contextualizado. A presenza da tecnoloxía na vida dos nenos e nenas é, sen dúbida, excesiva. Pasan horas e horas diante das pantallas.

A tecnoloxía non debe substituír procesos que son absolutamente necesarios. Sería como pensarmos que, porque xa existe a posibilidade de que nos lean en voz alta, podemos prescindir de aprender a ler. Xogar nun programa interactivo a colocar os países do mundo ou os accidentes físicos é, seguramente, máis eficaz para a aprendizaxe da xeografía ca os métodos tradicionais; mais empregarmos un ordenador para lermos en pantalla un texto tal como podería estar nun soporte físico non favorece a lectura nin a comprensión lectora. Empregalo para realizar por nós as tarefas coas que poderiamos aprender é un obstáculo. A intelixencia artificial vai mudar todo moi axiña e obrigaranos a reformular as tarefas e a avaliación, a integrala tamén na educación e nas competencias dixitais.

Cómpre actuar con intelixencia, racionalizarmos o uso e a presenza das pantallas nas aulas. A tecnoloxía non pode substituír o trato persoal nin é unha ara na que debamos sacrificalo todo. Os rapaces precisan da reflexión, da análise, da concentración e da tranquilidade. Non é correcto formularmos como unha dicotomía a opción entre libro en papel e libro dixital: traballemos con materiais diversos, multisensoriais, adaptados á finalidade perseguida. Sen reducionismos. Sen abrazarmos o novo só por selo. Sen atármonos nostalxicamente aos xeitos antigos. Tomemos o mellor de cada cousa, definamos a xusta medida.