Feijoo trabucouse de praza

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Jose Velasco | EUROPAPRESS

25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez que o Ministerio de Cultura decidiu, con bo criterio, eliminar o Premio Nacional de Tauromaquia, os partidarios das touradas saíron, coma miúras, a atacar tamén por iso ao Goberno. Como lles gusta de cando en vez citar á prensa estranxeira para que vexan como por aí diante se pon podre a Sánchez, poderiamos comentar que nos principais medios de comunicación internacionais, a decisión de España foi acollida con aplausos e cunha especie de galego «non era sen tempo». En canto un viaxa e fala coa xente civilizada de Europa, axiña se descobre o seu noxo e a súa incomprensión diante do que aínda algúns insisten en chamar «la fiesta nacional». A min de festa tenme pouco. Non sei a quen lle pode parecer semellante animalada (uso a verba con toda a intención) unha festa.

Diante da decisión do Goberno, o PP reaccionou creando de inmediato Premios de Tauromaquia nas autonomías que gobernan (en Galicia non, sería excéntrico de máis) e, a nivel de España, pretenden usar a súa maioría absoluta no Senado para recuperar ese premio. Sen dúbida, o gran problema que ten España é se se premia aos toureiros ou non… Oxalá amosasen esa dilixencia e esa rapidez á hora de lexislar, cando se ataca a literatura, a música, as humanidades ou, así, en xeral, a cultura.

O PP argumenta que hai que defender a «liberdade» e a «diversidade cultural». Quizais por iso o expresidente da Xunta, e actual líder do partido conservador acudiu, o 17 de maio pola tarde, no Día das Letras Galegas, a unha tourada en Madrid, para, segundo as súas propias verbas en días anteriores, «defender la libertad cultural». As fotos da xornada amosan a un toureiro brindándolle un touro (ou sexa, a súa morte logo dunha brutal tortura) a Feijoo quen, posto en pé, recolle o que el entende como un agasallo.

Tendo en conta que o actual líder do PP foi dabondo anos presidente da Xunta de Galicia, incluso dos que pensamos que as touradas son unha barbaridade que cumpría prohibir, e dado que el sabe de sobra que pasa no país que el presidía o 17 de maio, e que ese día a «liberdade cultural» que hai que defender é a das Letras Galegas, quizais a súa obriga institucional tería que ver máis con estar na nosa terra defendendo, que ben que o precisa, a nosa lingua e celebrando a obra de Luísa Villalta, que na capital do reino aplaudindo e presenciando a tortura dun animal, o seu sangrado público, e a súa morte a cabo dun señor que se gaña a vida facendo esa clase de cousas e a quen el quere premiar.

Se do que se trata é de defender liberdades culturais, o expresidente da Xunta trabucouse de praza.