BNG, independentismo, ETA e Bildu

Manuel Monge DECOTÍO

OPINIÓN

Marta Pérez | EFE

09 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai meses aparecen titulares e artigos de opinión que definen ao BNG como secesionista, separatista, independentista, que se relaciona cos herdeiros do terrorismo de ETA ou que ten amizades perigosas como Bildu: Rueda endurece o seu discurso contra el «independentismo con pel de cordeiro». Feijoo avisa que Pontón es el «BNG de siempre, el del separatismo».

Rubén Cela, membro da executiva, manifestaba na asemblea nacional do BNG de novembro de 2021: «O BNG non é independentista, é a casa común do nacionalismo; nel caben outras concepcións confederais ou federais». Calquera pode comprobar que no seu programa electoral para as eleccións galegas do pasado 18 de febreiro o BNG, o mesmo que na citada asemblea, defínese como soberanista, que explica así: «Unha Galiza capaz de gobernarse por si mesma. Soberanía é igual a máis capacidade para resolver os nosos problemas. Máis autogoberno é igual a máis democracia e máis benestar».

Ese mesmo programa referíase a Galiza como suxeito político e polo «recoñecemento do dereito de autodeterminación de Galiza, consonte á súa condición de nación». Dereito que non é ningunha novidade porque Galiza é unha nación recoñecida oficialmente como tal no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións Unidas, celebrado en Berna en 1933. E o presidente Feijoo recoñecía o carácter nacional de Galiza nunha conferencia no Círculo de Economía de Barcelona en 2014: «Históricamente tenemos muchos elementos para considerarnos lo que se llama una nación sin Estado».

O Congreso do PSOE en Suresnes, en outubro de 1974, elixía a Felipe González como secretario xeral e incluía no programa: «A definitiva solución do problema das nacionalidades que integran o Estado español parte indefectiblemente do pleno recoñecemento do dereito de autodeterminación das mesmas, que comporta a facultade de que cada nacionalidade poida determinar libremente as relacións que vai manter co resto dos pobos que integran o Estado español».

A Biblioteca Galega de La Voz de Galicia publicaba en 1978 o libro La autonomía gallega, que incluía o artigo de Francisco Vázquez Consideraciones sobre la Preautonomía: «Galicia ve por fin reconocida su realidad nacional. Para los que defendemos el derecho de autodeterminación y dentro de él creemos que un Estado federal es la alternativa a los derechos de Galicia y a los problemas de España, sin romper su unidad, esta preautonomía es un paso».

Lembremos algunhas opinións. O presidente Aznar manifestaba: «La independencia vasca es legítima si no se impone por la fuerza» (Radio Nacional, 16-5-2001). Borja Sémper, actual portavoz do PP, declaraba o 6 de xaneiro do 2013: «Que todo sea ETA no es cierto; Bildu no es ETA. Lo importante es que ETA se ha acabado». Javier Maroto non pechaba as portas a posíbeis acordos con Bildu cando era alcalde de Vitoria polo PP: «No me tiemblan las piernas por llegar a acuerdos con Bildu. Ojalá cunda el ejemplo».

Joseba Asiron era elixido alcalde de Pamplona por Bildu, despois dunha moción de censura, e La Voz de Galicia (29-12-2023) difundía este dato: «En 1998, tras el asesinato por ETA del concejal pamplonés Tomás Caballero (UPN), firmó junto a otras 133 personas del mundo de la cultura un manifiesto de condena al terrorismo y del injustificable asesinato».