Violencia e bioloxía

OPINIÓN

Pablo Requejo | EUROPAPRESS

28 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A morte por violencia adoita frecuentar as noites da fin de semana, e máis nas zonas urbanas, onde hai moitísimos factores en xogo que axudan a que se produzan estes feitos. Esta última apañoulle a vida a un home de 32 anos que andaba de despedida de solteiro en Burgos, sendo de Valladolid. Subliño a procedencia porque esta circunstancia seica lle abondou ao agresor para lle tirar a vida dun puñazo letal. Escoitando falar sobre isto, alguén daba razóns biolóxicas e case exclusivas na violencia das persoas, aludindo a estudos que apuntan a que os niveis altos de testosterona poden estar asociados a este tipo de comportamentos agresivos nos homes. Con todo, négome a pensar que a bioloxía determine en gran parte isto, sen lle dar a mesma, ou maior importancia a outro tipo de factores. Por outra banda, non creo que hoxe haxa moita máis violencia ca no pasado. Eu lembro o Xinzo dos anos oitenta con media ducia de vilegos, sempre os mesmos, andando aos paus con outros dalgunha aldea só por consideralos intrusos no seu territorio. E, indo máis atrás, mesmo ao meu pai houberon de o matar uns desgraciados que de noite lle puxeron un cable á altura do pescozo cando ía na moto, e só porque era de Xinzo, e non da aldea da miña nai, coa que andaba a mocear. Por sorte para el, e tamén para min, esa noite había lúa chea e o meu pai viu o escintileo do cable e tivo tempo de agachar a cabeza para o contar. Eran outras épocas, si, onde se glorificaba a virilidade con este tipo de patróns agresivos que se copiaban do pasado como forma expedita de resolver conflitos. Mais descansar na bioloxía todo o peso da violencia sería tan inxusto como tirarlle á educación toda a súa importancia para nos facer máis humanos, razoables e pacíficos.