Incendio dun edificio: dor, responsabilidade e información

Luciano Alfaya DECANO DO COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA

OPINIÓN

Miguel Ángel Polo | EFE

24 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante un suceso como o incendio de dous inmobles en Valencia, con vítimas mortais, calquera gremio profesional, tamén o dos arquitectos, ten que reaccionar, primeiro, desde a dor. Compartindo a pena das familias e colaborando para esclarecer as causas deste desgraciado suceso. Os incendios son sucesos complexos, cunha causa inicial e elementos que poden combinarse para acentuar ou minimizar o seu impacto. No caso de Valencia están a poñerse en cuestión o deseño, os materiais empregados no recubrimento da fachada ou a forza do vento.

Ata que non se desenvolva unha investigación pericial completa, e sen menoscabo do traballo dos medios de comunicación, creo que debemos achegar sentido da responsabilidade e información. Responsabilidade porque arquitectos e arquitectas, como a maioría dos profesionais que interveñen nos procesos de construción, apostamos de maneira decidida pola boa execución e polos controis exhaustivos en cada paso do proceso. Levantar un edificio é unha obra complexa, na que o papel do noso colectivo é garante do rigor e coordinación das disciplinas que interveñen. Achegamos información no sentido de incidir no carácter garantista da lexislación estatal en materia de construción, na revisión técnica dos proxectos ou na avaliación dos materiais. A normativa é clara e, aínda que hoxe é máis esixente e adaptada a novas técnicas que en 2005 (o Código Técnico da Edificación entrou en vigor ao ano seguinte). sempre primou a seguridade en todos os documentos normativos.

Sabemos que estas palabras serven de pouco consolo para as vítimas de Valencia, os seus familiares e amigos, pero gustaríanos lanzar unha mensaxe de responsabilidade e tranquilidade á cidadanía. En Galicia, como en España, constrúese ben, constrúese pensando nas persoas e a súa seguridade. Constrúese respectando a normativa. No caso concreto de Valencia é preciso esperar a coñecer exactamente cal foi o material empregado na fachada e se, efectivamente, respectouse o proxecto orixinal e realizouse unha correcta execución de obra. Non debemos caer na tentación de demonizar un material concreto ou un sistema construtivo especifico, xa que pequenos detalles poden facer que varíen totalmente as súas capacidades.

En todo caso, e sen caer no alarmismo, debemos incorporar como parte da nosa cultura cidadá o hábito das revisións dos nosos edificios. Xa o facemos cos vehículos e debemos empezar a facelo cos nosos fogares, como parte non só das inspeccións obrigatorias, senón como elemento de seguridade preventiva. Un edificio é un organismo vivo, que necesita conservación e está afectado polo uso, a climatoloxía ou o simple paso do tempo. Revisalo periodicamente é un elemento fundamental para seguir mellorando na aplicación de normas de seguridade e previr sucesos similares ao que estes días estamos a lamentar.