Caldo de Gloria

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Ana García

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen me dera poder tomar hoxe o caldo da miña nai. O caldo que facía cando tiña a súa propia horta, e para cociñalo non tiña nin que pensar. Ese «caldo de gloria» que sabía a unto rancio, e que me leva a imaxinar as escenas que sempre repite do caldo na casa da súa nai. O caldo para almorzar. Si, para almorzar.

Hoxe, polo Día de Rosalía, a Fundación Rosalía de Castro invítanos a celebrar o aniversario da escritora cun Caldo de Gloria, «unha iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar (...) no que se relata a épica diaria da supervivencia». Invítanos a cociñar un caldo humilde, coma o do poema, para lembrar a Rosalía e a toda a emoción contida nas súas palabras. Esa emoción que fai que hoxe, ao lelo de novo, ese Miña casiña me conmova máis ca nunca. Pois a realidade que desprende non está tan lonxe da realidade de moitas persoas que conviven arredor de nós. E a realidade que desprenden os veciños da protagonista deste poema non está tan lonxe da nosa. Este complexo homenaxe á supervivencia é tan contemporáneo coma universal, tan local coma global. E esa «épica da supervivencia», reflectida nunha muller que nada ten e á que nada lle dan e que é capaz de cociñar algo desa nada, está máis presente ca nunca.

A pobreza da época de Rosalía, a pobreza da época da miña nai, e a pobreza de hoxe en día, teñen en común moitas cousas, entre elas a resiliencia da condición humana e a crueldade dos sistemas que habitamos. A pobreza pode ser visible pero tamén invisible; podes nacer nela, vivir nela ou adquirila sen esperala. E por iso é importante lembrar o significado dese «caldo de gloria», teñamos o papel que teñamos neste complexo poema que é a vida.