Nenos migrantes: e o seu reparto?

Carlos Rosón DIRECTOR DA ONG DE INFANCIA IGAXES

OPINIÓN

Carlos de Saá | EFE

15 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ministerio de Interior informou de que en 2023 chegaron a España 56.852 inmigrantes de maneira irregular, un 82,1 % máis que no 2022. Deles, 5.151 foron menores de 18 años, un 116 % máis que no 2022. Preocupa especialmente o incremento da chegada en soidade de nenas e nenos de menos de 14 anos e comézase a falar de «reparto», de «problema», de «caos»…

Bótase en falta escoitar falar dos dereitos da infancia, da protección das nenas e dos nenos, do apoio psicosocial ou dos primeiros auxilios psicolóxicos no momento da chegada. Deberíamos estar falando da garantía de identificación da cada unha das persoas menores que chegan, evitando que ningunha remate nun recurso para adultos ou trata. Debemos falar da protección internacional e das medidas e recursos que se aplicarán para protexer os dereitos superiores da nena e do neno sobre a alarma social.

Actualmente, as comunidades autónomas teñen rexistrados nos seus servizos de protección a case 12.400 nenas e nenos migrantes non acompañados; un 40 % dos mesmos en Canarias. A situación require unha estratexia planificada coa participación de todas as comunidades autónomas (actualmente é voluntario), co esforzo preciso dos sistemas de protección de cada unha delas (económico, humano e de infraestruturas). Todo isto sen a alarma social, que só trae estigma para estas nenas e nenos.

O debate xira arredor de catro consensos básicos:

O primeiro é que o fenómeno da inmigración é o resultado das políticas económicas e medioambientais e das estratexias xeopolíticas de Occidente. Senegal, nesta última etapa, ilustra claramente este punto.

O segundo coloca a inmigración como algo esencial para o necesario relevo xeracional, a mantenza das pensións e o impulso de sectores económicos que, do contrario, non poderían desenvolverse. As taxas de natalidade particularmente baixas de rexións como Galicia aclaran esta parte.

Un terceiro consenso xira arredor da protección da infancia como indicador do desenvolvemento dunha sociedade sobre calquera outra consideración de orixe, relixión ou raza, tal que como sinalan a Declaración Universal de Dereitos Humanos e a Declaración Universal de Dereitos do Neno. Ambas, partes esenciais do noso ordenamento xurídico.

Por último, hai que entender que non se pode construír unha auténtica política de integración e interculturalidade sen unha planificación social que inclúa programas con recursos axeitados para facela efectiva.

De todo isto deberíamos estar falando, de como imos garantir que cada nena e neno poida construír un proxecto de vida; das medidas que imos poñer en marcha para a súa integración na nosa sociedade; de como dotar o noso sistema para que a protección vaia máis alá dos 18 anos, evitando que a maioría de idade supoña, como ocorre nalgunhas comunidades autónomas, a cancelación dos seus dereitos.