Cesteiro

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

XOSE CASTRO

12 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mezquita é un dos lugares máis fascinantes de Galicia. A un paso de Castela e a outro de Portugal, funde e confunde cores, chairas e curutos, castiñeiros e carballos centenarios, gando e aves canoras. Sombra e luz. Paraíso. Agora reside alí o noso amigo Antonio Fernández Torcuato, Cesteiro. Os da cuadrilla imos velo de cando en vez e, abofé, hai anos que non o contemplamos tan lúcido, guapo e alegre. El di que ten moito que ver no seu excelente estado de forma a terapia diaria con Tamara. Máis que unha perruqueira, Tamara é sosego, paz, aloumiños no adentro. O Bernardo mais eu regresamos felices. No bar de sempre e á hora de sempre, os dous de sempre: o Mariló e o Juan Ramón do estanco. Falaban de Andalucía. Ambos tiveran relación militar con aquel territorio. O Juanillo, oito meses no hospital militar de Sevilla por mor dun xeonllo caprichoso. O Mariló, a mili en Obejo (Córdoba). Levaba alí seis meses cando soubo que o Cesteiro faría o campamento en Cerro Muriano, en Córdoba tamén. Foi visitalo. Na porta preguntou: «¿Conocen ustedes a Antonio Fernández Torcuato?». Imaxinou que como chegara recentemente aínda non o coñecería ninguén. Sorprendeuse coa resposta: «¿A Cesteiro? Por supuesto. Está ahí atrás negociando con galápagos». «¿Cómo dice usted?»,preguntou o Mariló. Os militares responderon escuetamente: «¡Aquí ya es más famoso que el capitán!». Xenio e figura, o noso Toño Cesteiro. Chegaron as dez. O Bernardo mais eu marchamos para casa. Mirámonos. Contentos por pasar aquela tarde espléndida co noso amigo. Agora xa non o vemos case todos os días, coma antes. Porén, está con nós. Porque os amigos de toda a vida habitan, lonxe ou cerca, no noso corazón.