A Constitución aprobouse hai 45 anos. Se alguén di que a realidade non mudou en tantas décadas, xa se pode esforzar porque as evidencias van estar na súa contra. Así que a pregunta é obvia: ten sentido que unha lei fundamental, a base sobre a que se asenta todo o ordenamento xurídico do Estado, non mude en tanto tempo? A resposta coido que é obvia novamente. A Constitución respondía ás necesidades de 1978. Pero esas necesidades mudaron. A España actual non é a que saía dunha ditadura de 40 anos. E, sobre todo, a xente de hoxe non é a xente daquela. Non é mellor nin peor. Simplemente é outra. Seguir gobernados por unha lei tan vella é tan anacrónico como se agora seguísemos gobernados polas leis ditadas polos Reis Católicos.
De cada vez que se fala de cambiar a Constitución (sobre todo para abordar dous grandes temas: a organización territorial e a xefatura do Estado) semella como que se está nomeando en alto un anatema, unha blasfemia espantosa ou chamando á apocalipse. Está instalada en moitas persoas a idea de que todo é revisable agás a Constitución, cando o certo é que a de España xa se reformulou dúas veces: a primeira en 1992 (artigo 13.2), para que España se puidese adherir ao Tratado de Maastricht, e a segunda en 2011 (artigo 135), por un asunto do equilibro económico das administracións públicas. Así pois, a Constitución é reformable. Pode cambiarse. Xa se fixo dúas veces e non estoupou o mundo, nin España se rompeu.
Sen embargo, moitos políticos e non poucos analistas continúan mantendo ese mantra de que a Constitución nunca se tocou e que non se pode tocar. A última, de momento, a presidenta madrileña, quen hai uns días nunha entrevista volvía insistir nesa idea da intocabilidade da Constitución e aproveitaba para sinalar que algo así non se fixera nunca nos países máis civilizados. Pois vai ser que non é así. De feito, puña como exemplo, como adoita facer certa dereita non moi informada, o caso dos Estados Unidos. Pois ben, alí, a Constitución reformulouse 27 veces. Moi poucas, en verdade, se o comparamos con Alemaña (referente eterno, seica, do pensamento conservador español). Alí levan xa 60 modificacións. E Francia fixo o mesmo en 19 ocasións.
A Constitución non só se pode reformar ou reinterpretar, senón que é algo urxente. Hai varios millóns de persoas, tan españolas coma o resto, cando menos segundo o DNI, que o ven necesario. Ata o de agora, os partidos hexemónicos non o fixeron (agás nos casos comentados). Quizais agora, coa auxe e importancia de cada vez máis partidos nacionalistas, se poida facer por fin algo que é de sentido común.