O fentanilo é un fármaco analxésico derivado do opio. Nos últimos anos, o seu uso ilegal e o seu alto poder adictivo está conducindo en EE. UU. a unha catástrofe polas mortes por sobredose: a traxedia da droga zombi. Chámaselle así polo estado agochado e sen rumbo no que vagan polas rúas os enganchados a esta droga. Por certo, é unha crise, pero non unha epidemia, pois non é una enfermidade transmisible causada por microorganismos. Hai epidemias de gripe ou de coronavirus, pero non de diabetes nin de alzhéimer.
O fentanilo é un fármaco xa antigo: foi preparado en 1959 en Bélxica pola compañía Janssen (hoxe integrada no xigante Johnson & Johnson), e comercializado en EE.UU. como analxésico desde 1968. Ten unha estrutura química sinxela, pero ten a parte activa dos opiáceos, como morfina e heroína, nos que se encadra. Úsase en medicina como analxésico, anestésico e relaxante.
A súa produción é barata, pois é fácil de sintetizar; ademais non é necesario partir do opio. O fentanilo ilegal chega a EE.UU. desde México, causando problemas xeopolíticos nos que tamén está inmersa China. O seu baixo prezo (un comprimido pode custar 2-3 dólares) permitiu que se usara para cortar, isto é, adulterar outras drogas, como heroína ou cocaína, se ben soe combinarse con produtos como a xilacina, relaxante muscular de uso en animais. Úsase en forma oral, líquida ou inxectable. En 2021 houbo 71.000 mortes por sobredose de opiáceos en EE.UU., a maior parte debidas ao fentanilo, causante dunha forte depresión respiratoria.
En España o uso ilegal é, por fortuna, moi reducido. Úsase, legalmente, en dores agudas en oncoloxía, tras operacións cirúrxicas, ou en dores crónicas como as de orixe artrítico, pois ten unha potencia analxésica 100 veces superior á da morfina. Nas farmacias está presente en forma de parches que se pegan na pel e liberan o medicamento de forma gradual (unha marabilla da tecnoloxía farmacéutica), pero tamén hai comprimidos bucais (tipo piruletas) e pulverizadores nasais, se ben son formas máis restrinxidas.
A orixe deste drama en EE.UU. parece estar na chamada crise dos opiáceos, receitados desde mediados dos 90 por médicos de forma descontrolada e baixo a presión de compañías irresponsábeis como Purdue Pharma, da familia Sackler, unha saga sen escrúpulos. Pero esa é outra historia.