Cando Pedro Sánchez convocou, inesperadamente, as eleccións xerais, argumentou que era porque asumía en primeira persoa a derrota, e como «presidente do Goberno e tamén como secretario xeral do Partido Socialista» consideraba necesario «dar unha resposta e someter o noso mandato democrático á vontade popular». Pretendía, en fin, a «clarificación» da «vontade das e dos españois», a «clarificación» das «políticas que debe aplicar o Goberno da nación», e a «clarificación» sobre «as forzas que deben liderar esta fase».
Non semella que as cousas quedaran excesivamente clarificadas. A polarización social, mediática e política déixanos atrás unha campaña electoral quente, non só climatoloxicamente. As maiorías e minorías non teñen mudado. Só se ten constatado unha maior concentración do voto nos partidos tradicionais, pero ao mesmo tempo unha apreciable resistencia dos máis extremos á dereita e á esquerda, xunto cos independentistas (agás en Galicia, onde o respaldo ao seu expresidente foi notable).
O rechamante é que, pese a ese reforzo dos dous partidos sistémicos en España, a polarización existente augura poucos cambios. Dalgún xeito, os resultados do Partido Popular e do Socialista poderían lerse como unha chamada ao entendemento entre os dous grandes partidos, e unha certa preterición dos situados aos extremos, tanto no eixo dereita-esquerda como no que vai do centralismo á independencia, alomenos nesas cuestións que habitualmente denominamos «de Estado». Non semella que esa sexa a lectura que vai facer o líder socialista. Vaise incrementar a súa dependencia dos que defenden a independencia, que xa avanzaron en campaña que lle van facer dicir que é noite sendo día. Os seus resultados farán que sexan máis esixentes, por separado e á vez, despois de perder boa parte dos seus apoios. Pese a iso, Sánchez tentará continuar como ata o de agora, persistindo nas políticas que hai uns meses lle fixeron perder tanto poder local e autonómico, e tamén levar ao PP a ser o primeiro partido de España.
De ser así, viviremos unha etapa de forte inestabilidade institucional, sen descartar a repetición electoral a curto prazo. E de lograrse a investidura, de permanente suspense parlamentario e cesións aos grupos independentistas. Non é, en fin, o resultado clarificador que buscaba o presidente do Goberno. O único claro é que o presidente pode xa ir preparando unha addenda ao seu manual de resistencia.