Zamora camiña co seu río

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. Estévez

17 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O curso señorial do Douro imprímelle á cidade a súa forma alongada, e ela ségueo desde o alto, como un buque. Na proa, o castelo en ruínas a carón da catedral, onde se inicia un paseo plano, cortado aquí e acolá por calellas abertas sobre as augas que o lodo das últimas chuvias fai brillar como bronce. Nas marxes do camiño, o casarío histórico aparece entretecido con edificios contemporáneos ben encaixados.

Ao final desa calle mayor desprégase en abano o primeiro ensanche, construído por unha burguesía que se beneficiaba das plusvalías do solo pero que, con alto sentido do gusto ecléctico, modernista ou racionalista, deixou un legado de gran calidade arquitectónica.

Son moitos os que pensan que o centro histórico está apagado. A dinámica Asociación de Amigos de Baltasar Lobo, xunto a varios colexios profesionais, queren reactivar o proxecto de Rafael Moneo para intervir nas ruínas do castelo, cunha proposta que acollería a colección do escultor e que, na miña opinión, sería un espazo cultural para as vangardas, a contemporaneidade e a modernidade. Ao fío, véñenme á mente León Felipe, Agustín García Calvo, Claudio Rodríguez… Nada menos. Moneo sabe ben en que consiste patrimonializar a arquitectura histórica.

No encontro, co tema de fondo de que facer co pasado construído ou en ruínas, María Jesús Ávila presentou o caso de éxito do novo museo que alberga a colección contemporánea máis importante de España, doada por Helga de Alvear como resultado dun acordo político exemplar. A coordinadora mostrou que o traballo ben feito, a partir do edificio de Tuñón e uns fondos de tal categoría, axuda a revitalizar a cidade histórica de Cáceres.

A miña intervención abordou a importancia da rehabilitación-restauración e os coidados posteriores que hai que practicar de continuo. Hoxe as tecnoloxías ben «domesticadas» facilitan as operacións, e as axudas terían que ir dirixidas máis ben aos propietarios que se esforzan por alugar a prezos razoables, e a implantar usos diversificados e dinamizadores.

A carón da rehabilitación, subliñei a significancia de descentralizar os grandes equipamentos con novos usos e arquitectura de calidade para «iluminar» áreas próximas ao centro histórico. Así foi no barrio de Vite, onde se emprazaron focos de atracción: campus, auditorio, orquestra e escola de música, parques e aparcamentos, que xunto á implicación veciñal nas políticas de equipamentos e sectoriais axudaron a transformar o barrio de forma admirable. A maioría que deu estabilidade a aquel goberno municipal saía de Vite.