Canto peor, mellor

gaspar méndez ECONOMISTA, PROFESOR DE HISTORIA NO IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

Pedro Puente Hoyos | EFE

12 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo aínda un rapaz, achegueime un día a visitar ao meu tío, do meu mesmo nome, nas oficinas do Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario (Iryda), no madrileño Paseo de la Castellana. 

Lembro que tiña un despacho aparente e unha secretaria taquígrafa á que ditaba cartas. Polo que contaba, unha das súas funcións era redactar decretos e ordes ministeriais que, aprobadas por quen correspondese, acababan publicadas no BOE.

Como tamén tiña que aplicar eses decretos, en certa ocasión tivo unha cuestión de interpretación con outro funcionario. Meu tío tiña un argumento irrefutable para defender a súa postura: o decreto fora redactado por el. Pero o avogado do Estado, que mediou na disputa, botou por terra as súas pretensións. Unha cousa é o que quixera dicir e outra o que dixo e puxo por escrito. E seica naquela ocasión non coincidían. Meu tío que, como o seu sobriño do mesmo nome, era un home razoable, achantou e incorporou o caso ao seu repertorio de anécdotas.

Un caso parecido ao de meu tío seica lle pasou hai meses a Irene Montero, aínda que, neste caso, polo que din os seus contrincantes políticos, columnistas, boa parte da prensa, e tuiteiros varios, a ministra de Unidas Podemos parece que dispara en todas direccións sen querer achantar e recoñecer o seu erro. Pero, que pasaría se non fose realmente un erro? E se todo isto fose postureo? E se o texto aprobado era realmente o que querían aprobar, pero é demasiado heavi para recoñecelo ante a cidadanía?

Este mesmo ano, o erro do deputado do PP Alberto Casero permitiu ao Goberno convalidar a súa reforma laboral no Congreso. Neste caso, e á vista de como se comportou Pedro Sánchez no banco azul, estou convencido de que tampouco foi un erro. Seguramente algo tiñan pactado os dous partidos maioritarios e a forma de permitirlle aos populares salvar a cara era esa. Se tal foi, aproveito a ocasión para felicitar aos responsables de Génova 13 pola súa elección de deputado.

Teño pendente de ler o libro de meu colega de especialidade Pascual Gil Gutiérrez, que leva por título Schola delenda est?, e que xa me recomendou vivamente algún compañeiro. Como digo, aínda non lin o libro, pero si unha longa entrevista co autor, na que se afirma, de forma un tanto radical, que é o propio sistema quen pretende «dinamitar a escola, o valor do saber e a figura do profesor». Que todas estas leis educativas, cada cal máis espuria, non son froito da ignorancia dos nosos políticos que fan caso a pedagogos pedantes que nunca pisaron un aula, senón que obedecen a políticas deliberadas ditadas pola OCDE, responsable en última instancia dos informes PISA. Políticas que pretenden anticiparse á nova sociedade posindustrial, que vai requirir unha cantidade cada vez menor de man de obra cualificada para os seus procesos produtivos robotizados ou mecanizados.

Así as cousas, e en vista do resto de leis e políticas promovidas pola señora ministra de Igualdade, por que non haberíamos de pensar que non foi un erro, que as consecuencias da lei estaban previstas de forma deliberada, e que facer crer o contrario non é máis que unha forma de nadar e gardar a roupa?

Despois de todo, xa llo dixo ese gran comentarista deportivo, chamado Mariano Rajoy, nun dos seus momentos estelares de lucidez, ao cónxuxe da ministra Montero: ¡Cuanto peor, mejor! Ou era ao revés?