Coñezo esta historia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Carlos Castro | EUROPAPRESS

08 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñezo a historia. A de Ana Vanessa. Ti tamén. Liches estes días na prensa o seu crime. Víchelo na televisión, escoitáchelo na radio. A noticia vai acompañada das palabras machismo, crime, violencia de xénero, nova vítima... Palabras, palabras, palabras. Etiquetas. Clasificación. Ás veces semella que iso é o único que conseguimos: poñerlle un nome, tipificar o problema, sumar unha vítima. O nome é o de Ana Vanessa. Ou o de Mariluz. Porque este é un crime moi parecido ao de Mariluz Pose, ex-parella tamén dun garda civil. Denunciouno no cuartel no que estaba destinado. Alí foi onde os seus compañeiros o puxeron en advertencia. «Veu denunciarte». Non deberan protexela en lugar de expoñela?

Non sei se iso o provocou máis. Asasinouna no mesmo cuartel, coa arma regulamentaria que a el lle correspondía. Ningún dos seus compañeiros se laiou por non ter feito nada antes, por non protexer con vehemencia á muller á que logo lle segou a vida.

Nin cen quilómetros separan estes dous dramas. Témolo ao lado, compañeiras. O perigo axexa coma unha fera salvaxe uliscando pola contorna en busca dunha presa.

Pero podía pasar en Bruxelas. A mesma historia de novo. Esta vez chamada Teresa.

Por desgraza hai moitos máis nomes. E a lista non deixa de medrar. Fixeime nestes en concreto porque os asasinos foron, precisamente, quen debían velar pola súa seguridade. Eran gardas civís. Que ironía, verdade? O problema é que estamos falando da realidade. Descarnada, dura, inxusta e inconcibible. Pero realidade.