Alejandro Sanz e eu

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MOURO PRODUCCIONES | EUROPAPRESS

04 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas súas redes sociais, Alejandro Sanz escribiu que estaba «triste» e «cansado». Desatouse, inmediatamente, unha marea de agarimo cara a el. Agromaron mensaxes de ánimo, anacos das letras das súas cancións, apoios desde os medios de comunicación... Sen fisuras. É necesario dar visibilidade á saúde mental. É un tema que preocupa e de difícil detección e tratamento. A intanxibilidade dificulta o proceso. Por iso é tan importante que persoas públicas, admiradas e queridas se fagan eco do problema e lle dean a valor que merece.

Quizais así, cando unha persoa anónima, coma min, digamos estou cansada, non podo máis, quedei sen ánimo, non teño forzas, non son quen de sorrir... obteñamos tamén acompañamento como resposta. Ás veces non se precisa moito máis ca unha man no ombro que nos diga: estou contigo, enténdote, descansa, chora, quedo ao carón. O habitual é recibir un: non é nada, non te desgustes por iso, hai que seguir, ti podes.

Non. Non podo. Oxalá botar un pé adiante e seguir camiñando... pero non logramos avanzar.

Téndeme a man en lugar de dicirme que ti non te deprimes porque non tes tempo. Sabes? Eu tampouco. E, con todo, hai días que estou triste e cansada. Por iso o digo, porque o recoñezo. Pode que sexa o único comezo posible para mellorar a situación. Que importante cultivar e poñer en práctica a empatía. Cos famosos, anónimos, coñecidos e descoñecidos. É inxusto agarimar só aos afamados. O máis problema é que non os coñezamos. Porén, o anónimo podo ser eu. Ou ti.