O avó Valeriano contaba que, nos seus anos mozos, cando chegaba o día das votacións, a xente baixaba con mocas dende San André de Uma, no condado de Salvaterra, para rebentar as urnas. Non eran todos os de San André, máis ben algúns poucos, pagados polo cacique, pero así se gañaban as eleccións. Afortunadamente, cen anos despois, esa escena é impensable. O avó Valeriano nunca creu na democracia, non porque non estivese de acordo coa idea de que os votos deben ser a razón do goberno da sociedade, senón porque non cría na sociedade. Así o repetía sempre. «Non estamos preparados». Un discurso que conviña aos que levaban o mando, e que teimudamente foron introducindo nas mentes da nosa xente durante xeracións, entre eles, o meu avó. Non estamos preparados.
Afortunadamente, repito, hoxe as cousas son doutra maneira. A xeración dos netos, non sen o esforzo e o sacrificio dos nosos predecesores, que en moitos casos mesmo entregaron a vida pola causa da democracia e a dignidade, gozamos dun tempo, unha educación, unha estabilidade social que nos permite afrontar o futuro doutra maneira, homologados aos modelos europeos e occidentais dos que nos sentimos herdeiros: as grandes conquistas históricas dos Dereitos Humanos, que durante séculos foron construíndo unha realidade diferente. Cidadáns en exercicio, non súbditos. Tampouco cerebros inmaturos.
Mais hai unha pregunta que non deberiamos esquecer. Esta realidade que nos acolle e conforta ten carácter permanente? Dito doutra maneira: vai durar para sempre? Ollo para a xeración dos meus fillos, ou dos meus alumnos, e repito a pregunta. Que prezo ou esforzo estamos dispostos a pagar para manter esta situación de mundo privilexiado fronte ao resto do mundo que sobrevive arredor de nós? Máis do 80 % da poboación do planeta vive en circunstancias extremas, moi distintas das nosas, ás veces mesmo escravizada polo noso modelo de confort e crecemento, modelo que non parece que esteamos dispostos a sacrificar. Realmente podemos pensar que esta situación vai durar para sempre?
A ollada (a pregunta) ten dobre dirección: cara a fóra, na medida en que o mundo é unha gran aldea e só promovendo un discurso globalizador poderemos afrontar un futuro estable (e razonable). E cara adentro: na consciencia de que a democracia non é unha circunstancia regalada, nin cae do ceo, senón unha conquista de cada día e de cada cidadán, de cada un de nós, os máis vellos e os máis novos. Retórica? Abofé que non. Nunha xornada como a de hoxe convén non esquecelo. As mocas dos veciños do meu avó son hoxe argumentos. Non exentos de egoismo e crispacións, mesmo ás veces de irracionalidade. Pero son argumentos. Aínda as palabras poden contra os golpes e as urnas escachadas. E esta é unha conquista que logramos entre todos e que debemos reivindicar, e sentirnos orgullosos, e predicala co exemplo para os que veñen detrás, malia as imperfeccións e as irregularidades, que tamén as hai.