As Tamara da reconciliación

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Europa Press Reportajes

16 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambio de bando. Fágome de Tamara, polo menos o seu cristianismo redentor paréceme auténtico. Nun programa de máxima audiencia con eses comentaristas de todo, a poder ser en chanza e con curtas frases enxeñosas, seica Tamara Falcó logrou fundamentar unha opinión a contracorrente que indignou aos que non saben nadar polos seus medios. Asombroso pero certo. A verdade do simple.

O asunto era o da presenza de sete antigos etarras, condenados por delitos de sangue que cumpriron as súas penas e recuperaron os seus dereitos cívicos e políticos, nalgunhas listas de Bildu no País Vasco e Navarra. Con palabras simples e sentido lóxico, Tamara Falcó Preysler defendeu: cousa xulgada (res iudicata), pena cumprida, reinserción na política democrática e reconciliación. Páxina lida e pasada como debera estar a do golpe, a guerra e a ditadura.

Magnanimidade aristocrática, propia de quen ten poder por xeracións e o mantén agora por diñeiro e influencia. Aristócrata adaptada ás novas tecnoloxías, ten influencia nas redes e nos medios, á sexta marquesa de Griñón escóitana tamén en encontros relixiosos e seráns profanos. O título foi un dos moitos que concedeu Isabel II, neste caso á súa devanceira de longa estirpe María Cristina Fernández de Córdoba y Álvarez de las Asturias-Bohorques. A posición permítelle falar sen complexos e tampouco lle esixe de moitas ideas sofisticadas. Pero xulguemos o que di, guiado seguramente polo mesmo sentido da comprensión do arrepentimento que parece comprender na súa vida privada, tan pública. Todo moi auténticamente cristián.

O conto non é tan simple, por suposto, e sobra quen o complique. Díxoo ben Díaz Ayuso, coma sempre ben asesorada para disparar na liña de flotación de todos: se o asunto do terrorismo está morto, como é que está tan viva a Guerra Civil? Non deixa de ser unha boa pregunta, o problema é se afrontamos a verdade da resposta, visible dende que comezou a democracia nas familias que buscan os corpos dos seus irmáns ou devanceiros asasinados para facelos repousar en lugares dignos dos mortos, segundo a nosa cultura.

A dor da memoria do terrorismo non pode paliarse con palabras nin con textos, a súa utilización política sempre foi contraproducente e a súa re-utilización estritamente electoral é o peor favor que lle podemos facer ás vítimas. Nin palía, nin alivia, nin permite pasar a páxina dun pasado que primeiro debe coñecerse. Xaora.

A reconciliación costa traballo nun caso e máis no outro, e pasa sempre pola verdade, o esclarecemento e a xustiza, tamén pola vontade. O paso do tempo axuda, tamén favorece asumir o pasado en toda a súa amplitude e contradición. Pola contra, a manipulación política do pasado deste asunto no lance curto electoral só pode ser o mellor campo de xogo da extrema dereita e de todos os partidarios da violencia.

A reinserción sempre é un éxito da democracia, supera o ollo por ollo e a condena eterna. Tamén supón a vitoria dun concepto laico e moderno do dereito, aínda que as crenzas relixiosas —demostra Tamara— tamén poden axudar. Depende.