Escoitouse perfectamente. Falaban de alguén próximo e, para identificala, non dubidaron en denominala como «a gorda esa». A frase activou un resorte no meu interior. Non coñecía de nada a aquela rapaza, pero foi peor que se mo chamasen a min. Revolvinme. Xirei sobre os pés e mireinos. Eran un grupo de mozos. Sorriron. Quizais algo incómodos, nerviosos... non estou segura. En canto lles din as costas, volveron resoar as risas baixas do grupo.
Puideron dicir iso como tamén puido ser «a fea esa». Pero o que seguramente non escoitariamos nunca sería un apelativo como «a fraca esa» ou «a guapa esa» para referirse a unha muller. Resulta máis doado propinar un insulto ca un agarimo? Non o creo. A min sáenme os sorrisos sen ningunha dificultade pero desagrádame ter que poñer mala cara.
Porque é igual de perigoso para a saúde ter sobrepeso como carencia do mesmo, sufrir de obesidade ou anorexia... pero a sociedade non o ve así. O primeiro é o feo, o segundo o bonito.
Dáme moito medo, e mágoa, pensar nisto. Segue a castigarse parcialmente a sociedade. Tolérase moito máis nun home que nunha muller saír do canon de beleza imposto pola sociedade. Un canon que pode ser absurdo e ata perigoso. Perdóase (e case se valora) a extrema delgadeza mentres se machucan os quilos de máis.
E a rapaza á que se referían, escoitaría tamén como a cualificaban? É moi fácil facer dano gratuitamente. Pero tamén pode ser igual de sinxelo evitalo. É responsabilidade nosa. De que bando estás ou queres estar ti?