Viaduto xa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

OSCAR CELA

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Queremos que se restableza o paso pola A6 xa. Urxe. É de vital importancia para Galicia. Unha porta de entrada, non se cansan de repetir.

Necesitamos ese viaduto do que nunca falamos e no que antes non pensamos (sendo ben digno de admirar). Pero agora que non está, «ai, que boíño era».

Andan xa os comentaristas da radio, tele e prensa apurando ao persoal. Non tardan Xunta e Goberno central en pasar a pelota os uns aos outros. Mentres, a pregunta de «para cando?» aboia no aire. Esiximos respostas, un informe, un cronograma e unha data.

O meu consello é deixar traballar aos técnicos que, créanme, tamén necesitan os seus tempos. Non poden aventurarse a dar unha primeira data porque, como logo non se cumpra... problema! Ti dixeches, ti dixeches, ti dixeches...

E voulles contar un segredo, como traballadora da construción. O papel nunca xamais é igual á realidade. Aparecen problemas, eivas e imprevistos. Moitos. O que implica reorganizar, reformular, reconducir... Ás veces fai falta máis tempo do previsto nun principio pero... iso quen llo explica á xente? É ben difícil. Claro que se logo cae o viaduto, levamos as mans á cabeza. Pero mentres esiximos que a obra remate xa, ninguén repara nestas necesidades. As présas non adoitan ser boas conselleiras. Así que vaian amodo e con seguridade. En lugar de solicitar a obra xa, pidan que se dote o país de boas infraestruturas e se lles faga un mantemento axeitado ao longo da súa vida útil. Que as vías de Galicia sexan, ante todo, seguras.