Sen covid

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

THOMAS PETER | REUTERS

21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días limos na prensa unha nova que, de tan esperada, parecía irreal: Galicia non ten ningún internado na uci por covid logo de tres anos. Case 1.000 días despois do primeiro caso, no noso país non hai ninguén internado por esa doenza que, segundo algúns, inauguraba o século XXI do xeito máis tráxico posible. Porque aínda que xa o esquecésemos, porque somos así, de esquecer axiña, morreron arredor de seis millóns e medio de persoas no mundo enteiro. Foi unha traxedia. Unha especie de guerra mundial sen disparos. Un ataque ao máis profundo, porque o animal social que somos (Arístoteles dixit) foi obrigado a volver ás cavernas, como cando non eramos civilizados, reintegrados a unha especie de covas aínda que con wifi e aire acondicionado. Algúns milleiros, todos os que viven nesa precariedade que Álvaro Gago tan ben retratou en Matria, comprobaron que o suposto fogar era, en realidade, cárcere.

Din que case sete millóns de falecidos pero, obviamente, teñen que ser moitos máis, pois hai países onde o reconto ou non se fai ou non é moi fiable. Curiosamente, o país onde máis xente morreu foi no avanzado Estados Unidos, gobernado naquela altura por un negacionista irresponsable que agora, pásmense, a nada que se despiste o electorado, pode volver gobernar a que en tempos foi a nación máis forte do planeta.

A covid, seica, marchou. Pero antes cambiou o mundo. E para peor. Diciamos que ía ser para mellor, que era un punto de inflexión, que podía ser a antesala dun mundo mellor, pero o certo é que todo se volveu máis triste. Se xa antes non había moita cor, a cartografía do planeta é, cando menos, sepia, gastada, coma unha película vella de máis.

Recoñezo que eu fun un dos enganados. Agora pertenzo á tribo dos enfadados. Porque eu fun dos que pensou que a covid faríalle entender á xente que había que mudar o sistema, que era o tempo de irmos cara unha sociedade das persoas, fora de mercantilismos e a divindade do sistema liberal. Eu coidaba un futuro menos liberal e máis libertario, con máis valor e menos prezo. No fin de contas, estabamos nas ventás aplaudindo aos sanitarios, conscientes da importancia dos servizos públicos, da solidariedade de uns con outros. Tiñamos instalado no corazón e nas bágoas sempre a piques de saír heroicidades anónimas, xenerosidades infinitas. A túa veciña, caixeira no súper, era unha heroína, seguro que a súa precariedade desaparecerá porque si, temos que sacar algo bo disto. Lembramos aquelas fiestras adornadas cos debuxos dos máis cativos que dicían aquilo de «imos saír máis fortes»? Pois non saímos máis fortes. En realidade, moito máis debilitados.

O becho malo marchou. Pero quedaron feridas infectadas dun certo fracaso.