A burocracia nos centros educativos

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Alberto Paredes | EUROPAPRESS

04 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tódolos que tivemos responsabilidades de goberno en educación debemos entoar mea culpa porque de maneira lenta pero inexorable, acabamos por instaurar nos centros unha verdadeira tolemia burocrática. A creación constante de proxectos, plans, normas e programacións, así como a demanda urxente de todo tipo de datos e informacións, acabou por absorber moitas horas de traballo de docentes e sobre todo dos equipos directivos, en detrimento de actividades importantes nas escolas, cada día máis abandonadas. Algúns destes documentos implican ademais complexos procesos administrativos que aínda enredan máis aos profesores con tarefas impropias. Por outra parte, os plans hanse revisar con frecuencia porque cada nova lei educativa implica nova terminoloxía, que o único que consegue é facer perder o tempo en cambios que non deixan de ser o mesmo can con distinto colar.

Nestes momentos hai máis de vinte proxectos obrigatorios para os centros educativos, referidos a aspectos curriculares, lingüísticos, de orientación, convivencia, atención á diversidade, xestión, organización e funcionamento, comunicación, titoría, igualdade, etcétera. E cada día aumenta o número de acrónimos: PXA, NOF, DOC, ACI, PAD, PAT... Bótase en falta, como dixo un mestre con moita retranca, o BCB («bueno, carallo, bueno»).

O papel e a pantalla ben aguantan do que lles poñen e polo tanto os centros teñen elaborado unha serie de documentos moi completos tanto na forma coma no fondo, con grande número de páxinas, cadros e gráficas, boas presentacións e contidos con ideas interesantes. Son catro as preguntas: lévanse realmente á práctica estes proxectos? Está implicada toda a comunidade educativa na súa aplicación? Faise unha seria avaliación e seguimento deles? Serven para mellorar a calidade educativa e, en concreto, o traballo na aula e a aprendizaxe do alumno? As respostas son negativas agás mínimas excepcións, que por suposto hainas.

Xa que logo, estamos a enganarnos a nós mesmos e isto é moi grave, pois supón facer as cousas para cumprir, a maior parte das veces sen saber con quen. Pérdese moito tempo e enerxías en traballos infrutuosos e esquécese cal é realmente o papel dun mestre no centro educativo. Urxe recuar, deixarse de pantomimas e reducir a un mínimo esencial todo ese volume burocrático, levando á práctica plans sinxelos, realistas e útiles que sobre todo repercutan na aula, verdadeiro forno da educación. Os docentes con auténtica vocación de ensinar e non de despacho saben moi ben de que estamos a falar.