Frío en marzo

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

El fuerte viento hizo que el fuego se extendiese rápidamente por todo el valle del río Eo, en Baleira.
El fuerte viento hizo que el fuego se extendiese rápidamente por todo el valle del río Eo, en Baleira. ALBERTO LÓPEZ

É marzo e vai frío. Saio da casa e aperto ben o abrigo ao redor do corpo. Falta moito para o verán, acabamos de dar paso á primavera e as nubes cobren o ceo habitualmente. 

O tempo está tolo, din os máis vellos. Estará, si. O certo é que regreso á casa aterecida.

Na televisión aparece o contraste, coma se as imaxes fosen ficción. Na pantalla amósanse linguas de lume ardentes, un inferno incesante que devora o país. Entendo a escena coma unha provocación. Podo escoitar o lume dicíndome: xa estamos aquí.

Baleira arde, desaparece. Desaloxáronse varias aldeas cercadas polo incendio. Miles de hectáreas arrasadas. Alá vai outro anaco de nós. De novo, a terra queimada, a alma ferida.

Non chegou o verán e xa estamos sufrindo os incendios. Que nos queda por agardar? Non aprendemos absolutamente nada? A resposta é evidente. Outro ano de incendios. Outro máis. Un habitual xa no noso país.

Quedo hipnotizada mirando as imaxes, triste, preocupada. A calor das chamas só me produce un frío xélido. Os incendios non só se expanden ao longo do territorio, tamén o fan a través dos meses do ano. Dá igual se é verán ou inverno, se vai frío ou calor... É unha praga. Todos os anos nos laiamos, pero as queimas sucédense implacablemente ano tras ano, sen que a prevención sexa efectiva.

E agora, que aínda non chegamos ao verán, faremos algo? Ou imos seguir así eternamente? Estaría ben darnos algo de présa, pois con tanto lume estamos a cargarnos a eternidade do planeta. Podemos provocar a autoextinción.