Obregonadas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

01 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O que máis patidifusa me deixa da (digamos) maternidade de Ana Obregón non é a súa consabida tendencia a non apoiar o comercio local marchando a Miami mercar un bebé só porque alí é legal e aquí non; nin que tardase ata os seus 68 anos para poñerse a formar unha sucesora do trinque para o famoso posado de praia que tivo que pechar por defunción. Tampouco me abraia para nada que decidise que a dor pola perda do seu fillo a pague outra nai perdendo a súa, porque as penas con cartos son medias penas, non? Non me pon olliplática que Ana Obregón teña caprichos, quen son eu para xulgarllos?, nin moito menos que unha pobre muller pobre decida vender libre e alegremente o seu bebé e demostrar tamaña capacidade de emprendemento. Nada diso me sorprende, porque tampouco nunca me sorprendeu que Obregón sexa a bióloga máis coñecida de España sen ter descuberto nunca unha especie animal, vexetal ou fungo, e por iso non me produce abraio que á empresaria e actriz —como a unha altísima porcentaxe de compatriotas— lle tire dun pé o debate sobre o alugueiro de mulleres, o curioso parecido desta realidade co Conto da criada (sendo aquí «a criada» a xestante que lle vendeu a nena), nin que haxa medios de comunicación que, en lugar de dar unha noticia, dan unha milagre: «Deu á luz» e, por tanto, apareceu para ela, por fin, a «alegría de vivir». O que realmente me deixa patidifusa, olliplática, abraiada e alucinada é o da cadeira de rodas: como ninguén dixo aínda que as zapatillas de Chanel non pegan cos corazóns pintados nas rodas traseiras? Como se atreve a saír así da clínica? Iso, e non a trata de persoas, é que o tería que lle quitar o sono a este país que precisou que Ana Obregón mercase unha nena para entender que facer iso dá asco.