Arte e activismo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

ANDREW KELLY | REUTERS

31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Levaba tempo desexando velo, non só pola boa crítica recibida, senón tamén pola fascinante relación entre arte e activismo que prometía. All the Beauty and the Bloodshed é o documental dirixido por Laura Poitras sobre a carreira da fotógrafa estadounidense Nan Goldin, e sobre a súa loita contra a adicción e contra a hipocrisía do mundo da arte e da filantropía. En concreto, o activismo de Nan Goldin céntrase en dous puntos: na relación da familia Sackler coa epidemia dos opiáceos que está a vivir o país dende hai décadas (que matou a máis de cen mil persoas no ano 2021), e na relación da familia Sackler co mundo da filantropía, con museos coma o MET e o Louvre, e universidades coma Harvard ou Oxford, que nomearon salas e edificios con ese apelido debido ás doazóns millonarias que recibían dos Sackler. Esa mesma familia que está detrás de Purdue Pharma, a empresa farmacéutica que sacou adiante o analxésico opiáceo OxyContin, e que, logo dunha campaña publicitaria enganosa baseada en datos falsos nos que falaban da baixa probabilidade de adicción, logrou normalizar o uso dos opiáceos con receita médica, o que creou unha comunidade de adictos que non sabían que o serían.

O documental narra o reto de Goldin e P.A.I.N (a súa organización) de facer co-responsables a museos e institucións académicas sobre a orixe dos cartos que reciben dos Sackler, e sobre o que significa a súa colaboración con eles. Creando así unha interesante e inspiradora intersección entre arte, activismo, compromiso e responsabilidade social, levada até un iluminador extremo que nos fai reflexionar sobre os crimes que se agochan tras moitos dos nomes dos lugares que habitamos acotío...